"Empresarios de Galicia" é unha ambiciosa contribución ao coñecemento do empresariado galego a traveso das biografías de dúas ducias dos seus mais sobranceiros representantes dos últimos dous séculos. Estas biografías foron escritas por un abano de 21 autores, entre os que se atopan profesores das tres universidades galegas tais como Pegerto Saavedra, Luis Alonso Alvarez, o propio coordenador do libro, Xoan Carmona, ou Xosé Ramón Barreiro Fernández, presidente da Real Academia Galega. "A selección fíxose tendo en conta que houbera representantes das catro provincias, de todolos sectores e dos derradeiros dous séculos", dixo Xoan Carmona. Trátase de biografías, acompañadas de material fotográfico en gran parte inédito, nas que se debruza o periplo vital e empresarial de todos eles nun ton de divulgación e un punto de vista rigoroso. O director xeral de Caixa Galicia, José Luis Méndez, dixo que o estudo pormenorizado e rigoroso das traxectorias vitais e empresariais deste grupo de emprendedores "permite constatar tanto a presenza dunha maior iniciativa da que comunmente se asigna aos galegos coma unha tradición industrial e técnica que, pola súa importancia, merece un maior coñecemento e toma en consideración". "O elevado nivel de formación que posúan os biografiados e a excelente factura de moitas das estratexias a través das que acadaron o éxito empresarial" é unha das conclusións que resaltou Méndez. Na selección dos biografiados tívose en conta ademais da propia importancia das empresas por eles fundadas, a necesidade de que na mostra estiveran presentes os sectores mais relevantes da historia económica da Galicia contemporánea así como a necesidade de que estiveran representadas as catro provincias galegas. Igualmente optouse por dirixir a investigación a empresarios xa finados, con unha biografía pechada e non aínda en construción, e dentro deles a empresarios que xunguiran na súa actividade propiedade e xestión, algo típico da empresa galega ata tempos moi recentes. Exemplos O libro ábrese coa biografía do marqués de Sargadelos, fundador do primeiro alto forno privado e da primeira fábrica moderna de cerámica da historia de España e inclúe as de banqueiros como José Pastor y Horta, Olimpio Pérez, Dionisio Tejero e Pedro Barrié de la Maza, fabricantes de conservas como José Curbera e Gaspar Massó e constructores navais como o fundador dos asteleiros Barreras. Os armadores pesqueiros están representados pola saga da familia Domínguez Macaya, primeira firma en acudir aos bancos de Terranova durante o século XX, e a cerámica pola figura do vigués Moisés Alvarez. As figuras de José María Rivera (fundador de Estrella de Galicia), José Rodríguez López (Arxeriz, Larsa), Antonio Valcarce (Panificadora) e Eulogio Gómez Franqueira (Coren) personifican aquí a industria agroalimentaria na que tamén se podería incluír a José Fernández López (Zeltia E Pescanova), aínda que a traxectoria deste último abranxera unha gama de iniciativas moito mais ampla, e a Manuel García Cambón (Finsa). José Barro, constructor de automóviles na lonxana Viveiro a comezos do século XX e Ricardo Bescansa, fundador de Televés, aparecen como empresarios vanguardistas nas súas respectivas actividades. A nómina de protagonistas do libro complétase coa biografía dun gran comerciante da época final do absolutismo (Manuel de la Riba), do mais importante fabricante de curtidos do século XIX (Juan Harguindey), dun pouco coñecido fabricante de tabaco (Pedro Murias), dos fundadores do complexo de Mondariz (Enrique Peinador), de Caleras de Valdeorras (Marcelino Suárez) e da popular Castromil (Evaristo Castromil).