O director de Bren Entertainment, Xosé Manuel Barreira, recoñeceu que o éxito de "Pérez, o ratiño dos teus soños", galardoada onte co Premio Goya á Mellor Animación, foi posible "grazas ao apoio do público galego". Bren Entertainment, a factoría de animación en tres dimensións de Filmax localizada en Santiago de Compostela, acolleu a nova "con moita felicidade" e "como un estímulo para continuar traballando con máis calidade", declarou o produtor da Fonsagrada. O equipo de técnicos e artistas que participaron na produción de 'Pérez, o ratiño dos teus soños' celebraban este luns "emotivamente" o resultado dos 'Oscar españois', mentres recibían chamadas de felicitación de amigos e compañeiros do sector e esperaban por unhas botellas de cava para descorchar. A prezada estatuíña descansará nalgún estante da sede de Filmax en Barcelona, e compartirá o espazo cos Goya acadados en edicións anteriores pola súa sección de animación, como 'Goomer', en 1999, 'El Cid, la leyenda', en 2003, ou 'P3K Pinocho 3000', en 2005. A produtora galega de animación está rematando coa iluminación de 'Donkey Xote' e coa composición final de 'Nocturna, que se estreará este ano. Público A distribuidora de Disney, Buenavista International, levou a película por toda Latinoamérica, onde "nos leva dado moitas alegrías", di o director de Bren. En Arxentina, 'Pérez, o ratiño dos teus soños', dirixida por Juan Pablo Buscarini, superou o millón de espectadores dende que se estreou o pasado verán. A película "xa se vendeu a todos os países, a excepción de cinco territorios en todo o mundo", explicou Barreira. Segundo datos da compañía Nielsen EDI sobre público cinematográfico facilitados por Barreira, 'Pérez, o ratiño dos teus soños' acadou preto dos 560.000 espectadores nas seis semanas que leva na carteleira española, co que se recadaron en torno aos tres millóns de euros. En Galicia, distribuíronse máis de 25 copias en galego e castelán, segundo confirmou o director de Bren, que engadiu que "o apoio do público non só nas sete cidades, senón tamén nas vilas máis importantes de Galicia é o recoñecemento máis estimulante para o noso traballo". Coprodución 'Pérez, o ratiño dos teus soños', de pai galego e nai arxentina, foi apoiado no 2005 polo fondo Raíces, creado polo Consorcio Audiovisual de Galicia, o Institut Catalá de les Industries Culturals e o Instituto Nacional de Cine y Artes Audiovisuales de Arxentina para financiar axudas a longametraxes de produtoras independentes de Galicia, Cataluña e Arxentina. Coproducida por Castelao Productions, Filmax Animation e a arxentina Patagonik Film Group, a película combina a imaxe real, rodada en Arxentina, e o 3D, creado nos estudios de Bren, na capital galega.