O presidente do Goberno galego, Alberto
Núñez Feijóo, anunciou un novo impulso á educación pública, cun
orzamento adicional no capítulo de investimentos aprobados nas
contas de 2015 de 18,4 millóns de euros para dixitalizar todas as
aulas desde 5º de primaria e actualizar equipamentos e
infraestruturas educativas tanto na Formación Profesional, na
Primaria e na Secundaria.
Convencido
de que a forma de ensinar mudou e que cada vez con maior intensidade
irá mudando en base a instrumentos dixitais, Feijóo destacou, en
primeiro lugar, a aposta da Xunta pola modernización tecnolóxica do
ensino público. E, nesta liña, avanzou que a meirande parte do
total do investimento previsto –un total de 11,2 millóns-
destinarase á dixitalización do 100% das aulas a partir de 5º e 6º
de Primaria e a ESO.
Como
subliñou, proporcionará a todas elas, un total de 2.727 aulas,
conexión a Internet mediante wifi. “De tal xeito que con estes
11,2 millóns de euros imos a conseguir superar a fenda dixital entre
zonas rurais e zonas urbanas e imos conseguir que todos os nenos e
nas galegas independentemente de onde vivan reciban unha educación
pública nunha aula dixital”, afirmou.
Así mesmo, engadiu que imos
conseguir pasar de cero estudantes en aulas dixitais no ano 2009 ao
100% dos estudantes galegos de 5º e 6º de Primaria e da ESO.
No tocante a
infraestruturas, Feijóo garantiu tamén o esforzo da Xunta para
actualizar equipamento e infraestruturas educativas tanto en FP como
en Primaria e Secundaria.
En relación á
Formación Profesional, destacou unha partida dun millón de euros
para modernizar equipamentos que beneficiarán a 46 centros e a un
total de 3.541 alumnos e 118 ciclos formativos. Trátase de
autómatas, robots, adestradores, simuladores, en definitiva, todo
aquilo que a FP require.
En total subministraranse 287 unidades
repartidas en 24 tipos de equipamentos distintos relacionados coa
electricidade, a electrónica, a fabricación mecánica, a
instalación e mantemento e o transporte e mantemento de vehículos,
entre outros.
Infraestruturas físicas
No que atinxe ás
infraestruturas físicas, Feijóo destacou un investimento total de
6,1 millóns de euros en obras de ampliación de 11 centros públicos:
Centro de FP de Oroso (Ribeira), Colexio de Roxos (Santiago), Colexio
Manuel Murguía (A Coruña), IES Perdouro (Burela), Colexio Laverde
Ruíz (Outeiro de Rei), IES O Ribeiro (Ribadavia), IES Losada Diéguez
(A Estrada), Centro de FP A Xunqueira (Pontevedra), IES Armando
Cotarelo (Vilagarcía) e o Centro de FP Carlos Oroza (Pontevedra).
Con estas
actuacións, dáse resposta ás actuais necesidades de demografía.
Non en van, benefician a 3.325 alumnos e a través delas créanse un
total de 1.035 novos postos escolares.
Durante a rolda
de prensa, Feijóo lembrou, ademais, que actualmente están en
execución obras por importe de algo máis de 13 millóns de euros en
Oleiros, Santiago, Lugo, Carral e Culleredo. Así mesmo, atópanse en
licitación tamén centros en distintas localidades de Galicia por un
importe de 10 millóns de euros.
En total,
“levamos investidos máis de 55 millóns de euros para modernizar
centros educativos, o que permitirá a case 15.000 alumnos contar con
equipamentos ou con colexios novos ou ampliados”.