A Sociedad General de Autores y Editores (Sgae) vén de asinar un convenio con asociacións de hostaleiros de Lugo, Ourense, Pontevedra e Santiago, polo que se aplicará un novo modelo de tarifas para o uso de música en bares, cafeterías e restaurantes.Segundo informa a Sgae nun comunicado, o documento foi asinado polo director da Sgae en Galicia, Javier Vidal; o presidente da Asociación Provincial de Empresarios de Hostalaría de Lugo, José Francisco Real Castro; o presidente da Federación Provincial de Empresarios de Hostalaría de Ourense, Ovidio Fernández Ojea; o presidente da Federación Provincial de Empresarios de Hostalaría de Pontevedra, Carlos Rodríguez Cerdeira, e o presidente da asociación compostelá de hostaleiros, Juan Silva Alvite. En virtude deste acordo, os bares, restaurantes e cafeterías cun uso secundario do repertorio poderán facer uso da obra protexida a cambio dunha compensación económica en base á superficie do local. Deste xeito, un bar de ata 50 metros cadrados deberá aboar 14,40 euros mensuais, mentres que a tarifa acadará os 16,80 euros nun local de entre 50 e 100 metros, e os 24 euros para os que superen esa dimensión. Ata o de agora, os locais pagaban unha cantidade mensual por cada aparato de televisión, radio, música ou vídeo. As catro asociacións que subscriben o acordo aglutinan a case 3.000 empresarios, pertencentes tamén á Confederación de Empresarios da Hostalería de Galicia, e que contan cunha redución de ata o 15 por cento sobre as tarifas. Discotecas O acordo asinado recentemente non afecta a bares musicais e disco pubs que fan un uso principal e necesario da obra protexida, aínda que a Sgae asegura que aqueles locais adscritos a algunha destas asociacións poderán beneficiarse de descontos de ata o 20 por cento nos seus pagos. Para este tipo de locais xa se aplicaba unha tarifa en función da superficie, polas que un local de ata 100 metros cadrados paga 89.96 euros, ao que se lle deberá engadir 22,48 euros máis por cada tramo de 50 metros cadrados, 14,40 euros por televisor e 83,39 por aparato de vídeo.