Sociedad
A Asociación Cultural Fuco Buxán inaugura o xoves unha mostra sobre un dos creadores do Laboratorio das Formas
06-02-2007
O intelectual galeguista Isaac Díaz Pardo centra as actividades da Asociación Cultural Fuco Buxán de Ferrol a partir desta semana, cunha homenaxe que se estenderá ata o mes de marzo. A asociación rende tributo á traxectoria vital de Díaz Pardo cunha exposición, varias mesas redondas e un acto de homenaxe política, poética e musical.
O Centro Cultural Torrente Ballester de Ferrol acollerá dende o xoves e ata o vindeiro 8 de marzo unha mostra antolóxica sobre o creador, xunto co pintor Luís Seoane, do Laboratorio das Formas. O venres celebrarase na sede ferrolá da Fundación Caixa Galicia a primeira das mesas redondas arredor de Díaz Pardo, coa participación do escritor Xosé Luis Axeitos, o catedrático de Literatura da Universidade Autónoma de Barcelona Manuel Aznar Soler, e os tamén escritores Xosé Neira Vilas e Camilo Díaz.
A segunda cita terá lugar dúas semanas máis tarde, e nela intervirán o escritor e galerista Euloxio Ruibal, o sociólogo e escritor Fermín Bouza, o colaborador de Díaz Pardo en Sargadelos, Andrés Varela, e o secretario xeral de Comunicación da Xunta, Fernando Salgado.
Para o día 2 de marzo, a Asociación organiza un acto de homenaxe política, poética e musical no Teatro Jofre de Ferrol. Neste acto intervirán os poetas Salvador García-Bodaño, Eva Veiga, Xosé Leira, Laura Landeira, José Viale Moutinho e Rosa Méndez, e actuará o grupo folc Milladoiro.
A continuación, celebrarase unha cea-homenaxe na Feira de Mostras de Ferrol. O prazo de inscrición para asistir á cea remata o vindeiro 20 de febreiro, e o prezo da reserva é de 35 euros por persoa.
www.galiciadiario.com no se hará responsable de los comentarios de los lectores. Nuestro editor los revisará para evitar insultos u opiniones ofensivas. Gracias