El Confidencial
radiolider Buscador de noticias buscar en google
José Manuel López García
Ernesto González Valdés
Bayardo Quinto Núñez
Sociedad

Galicia realizou máis de 190 transplantes de medula ósea no 2014

04-04-2015 14:00:01

O número de transplantes de proxenitores hematopoéticos (medula ósea) efectuados en Galicia no ano 2014 ascendeu a 197, o que constitúe o récord histórico nesta actividade asistencial no Servizo Galego de Saúde. Sinalar, así mesmo, que o número deste tipo de transplantes efectuados en pacientes adultos foi de 184, cunha idade media de 50 anos, mentres que os infantís foron 13, cunha idade media de 9 anos.

Os transplantes de medula realizados distribúense entre os distintos centros da rede do Servizo Galego de Saúde do seguinte xeito: 54 no Complexo Hospitalario Universitario de Vigo; 52 no Complexo Hospitalario Universitario de Santiago (13 dos cales foron en pacientes pediátricos); 50 no Complexo Hospitalario Universitario da Coruña; 17 no Hospital Universitario Lucus Augusti; 14 no Complexo Hospitalario Universitario de Ourense; e 10 no Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra. 

Sinalar, así mesmo, que o número de doazóns de medula ósea rexistradas en Galicia durante o pasado ano foi de 1.250, o que supuxo duplicar as cifras acadadas no ano 2013 (636). Cómpre sinalar, non obstante, que a taxa de doadores de medula ósea en Galicia sitúase por baixo da media de España, polo que o Sergas fai fincapé na necesidade de facerse doador. 

A tal efecto, o departamento que dirixe Rocío Mosquera e a Fundación Josep Carreras teñen a disposición das galegas e galegos unha páxina web://galicia.medulaosea.org que facilita os trámites de rexistro aos potenciais doadores. Deste xeito, neste enderezo electrónico poden eles mesmos apuntarse. A doazón tamén pode efectuarse chamando aos teléfonos gratuítos 900 100 828 ou 900 102 688. 

Tipos de transplantes Na actualidade, o transplante de medula ósea é un procedemento ben consolidado nos hospitais do Sergas, existindo tres tipos diferentes. O autólogo, o aloxénico emparentado e o aloxénico non emparentado. Os primeiros son aqueles nos que se poden usar tanto a medula ósea como as células nai que circulan polo sangue do propio paciente. 

Unha vez extraídas e tratados con medicación, vólvense a infundir ao paciente. O transplante aloxénico emparentado é aquel no que non se poden usar as células propias do paciente e hai que buscar un doador, dentro da familia, que sexa compatible. Neste caso, a fonte de células é a medula ósea ou o sangue periférico dun familiar. 

Así mesmo, falamos de transplante aloxénico non emparentado cando non podemos usar as células propias do paciente e non hai un doador compatible dentro da familia. Sinalar, así mesmo, que poden ser doadores de medula ósea as persoas de 18 a 55 anos que non padezan ningunha enfermidade que poida ser transmitida ou por en perigo a súa vida polo feito da doazón.





www.galiciadiario.com no se hará responsable de los comentarios de los lectores. Nuestro editor los revisará para evitar insultos u opiniones ofensivas. Gracias