Esta semana iniciouse a aplicación dos
criterios de indicación e seguemento aprobados no seo do Consello
Interterritorial do Sistema Nacional de Saúde na reunión do pasado
día 26 de marzo para o tratamento da hepatite C.
O Servizo Galego de Saúde puxo en
marcha a plataforma web que servirá de
ferramenta para o rexistro destes pacientes, e que está a
disposición dos profesionais. Esta plataforma, que recibe o
nome VIXÍA HC, permite a incorporación automática de todos os
datos administrativos do paciente a tratar e tamén incorporar de
forma homoxénea todos os datos clínicos necesarios para a
indicación dos novos tratamentos da hepatite C.
Ademais, permite ir desenvolvendo un
rexistro on-line de forma automática, e seguir a trazabilidade dos
tratamentos, así como a explotación de calquera parámetro, de tal
forma, que ademais de dar cumprimento ao establecido no Plan
Estratéxico, permite facer seguimento e valoración prospectiva dos
resultados de cada tratamento iniciado.
Estes datos son,
así mesmo, volcados no rexistro nacional que se establece coa
entrada en vigor do Plan Estratéxico para a a abordaxe da hepatite
C no Sistema Nacional de Saúde.
Novos fármacos
O pasado día 1
de abril comezáronse a comercializar os tres novos fármacos
aprobados para o tratamento desta doenza, que estarán dispoñibles
para a súa indicación directa por parte dos médicos
correspondentes.
Deste xeito,
Galicia mantén a garantía de tratamento a todos os pacientes que
teñen esta doenza e que cumpren cos criterios establecidos polo
Consello Interterritorial para o conxunto do Sistema Nacional de
Saúde.
Pola súa parte,
a subcomisión da Hepatite C do Servizo Galego de Saúde deixa de ter
unha función avaliadora e pasa a asumir tarefas de asesoramento e
seguimento da implementación do Plan Estratéxico.