O Consello da Xunta aprobou na súa
xuntanza semanal a renovación dos plans de transporte metropolitano
nas áreas de Ferrol, Lugo, A Coruña e Santiago, que dan servizo a
46 concellos e a un millón e medio de persoas.
O presidente da Xunta, Alberto Núñez
Feijóo, precisou que as administracións que asinan o plan farán un
investimento conxunto de case nove millóns de euros para manter o
transporte metropolitano vixente un ano máis, de xeito que está
garantido ata decembro do 2016. Respecto ao reparto do investimento,
a Xunta contribúe co 80% da bonificación no traxecto principal e os
concellos co 20% restante.
Así mesmo, o Goberno autonómico asume
a bonificación do 100% dos transbordos e cos descontos adicionais
aos usuarios habituais (15%) e ás familias numerosas (20% ou 50%
segundo se teñan tres fillos ou máis). “As familias galegas
aforrarán, en total, 30 millóns de euros en transporte urbano e
interurbano”, afirmou o presidente.
Feijóo incidiu nas vantaxes que
supoñen os plans de transporte metropolitano: “mellorar as
estradas”, porque un autobús gasta as vías tanto como 30 ou 40
coches individuais; “mellorar o medio ambiente” reducindo as
emisións de CO2 e “mellorar a calidade de vida conseguindo que
vivir no rural non estea penalizado”, entre outras.
En definitiva, este plan beneficiará
economicamente ás familias galegas ao diminuír os seus custes de
transporte. Ademais, supón un éxito da cooperación entre
municipios.
Concellos beneficiados polo
transporte metropolitano
Coa sinatura destes convenios garántese
a prórroga para o 2016 do plan de transporte metropolitano de Lugo,
no que participan oito concellos (Castro de Rei, Castroverde, Friol,
Guntín, Lugo, O Corgo, Outeiro de Rei e Rábade). No caso da Coruña
participan 14 concellos (A Coruña, Oleiros, Arteixo, Culleredo,
Sada, Betanzos, Bergondo, Abegondo, Carral, Cambre, Laracha,
Oza-Cesuras, Cerceda e Miño); no caso de Ferrol beneficia a 11
concellos (Ferrol, Ares, Cabanas, Cedeira, Fene, Mugardos, Narón,
Neda, Pontedeume, Valdoviño e Miño), e o plan de transporte
metropolitano de Santiago presta servizo a 13 municipios (Ames,
Boqueixón, Brión, Negreira, O Pino, Oroso, Santiago, Teo, Touro,
Trazo, Val do Dubra e Vedra).
Segundo expuxo o xefe do Executivo
autonómico, hoxe mesmo empezaron tamén a venderse as tarxetas para
o sistema de transporte metropolitano de Vigo, que comezará a
funcionar o próximo luns, 27 de abril. Aínda que o Concello de Vigo
non quixo integrarse no plan, os seus cidadáns poderán gozar dos
beneficios do transporte metropolitano grazas á achega da Xunta e
dos outros 12 concellos adheridos.