O Centro Galego de Artes da Imaxe
(CGAI-Filmoteca de Galicia) proxectará a semana que vén as
premiadas ‘Magical Girl’, gañadora da Cuncha de Ouro do Festival
Internacional de Cine de San Sebastián, e ‘Timbuktú, a gran
triunfadora dos premios César do cinema francés, como dúas das
citas destacadas no inicio da súa nova programación bimestral.
A sede na Coruña da filmoteca da
Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria
acollerá un total de 66 sesións cinematográficas ata finais de
xuño como parte desta carteleira, que arranca mañá sábado 2, ás
18.00 horas, con ‘The Ghost in Our Machine’, un documental da
directora canadense Liz Marshall que reflexiona sobre a nosa relación
cos animais seguindo a coñecida fotógrafa e activista Jo-Anne
McArthur. A asociación ‘Igualdade Animal’ organiza esta
presentación, de entrada gratuíta.
Novidades do panorama independente
Xa a semana que vén, a filmoteca da
Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria
contará coa presenza de José Luis Rebordinos, o director do
Festival de San Sebastián, para presentar a proxección de ‘Magical
Girl’, nunha sesión especial e gratuíta que terá lugar o martes
5, ás 20.30 horas. Esta será a primeira das novas citas de Fóra de
Serie, unha das seccións fixas do CGAI, a través da que lles achega
aos espectadores galegos destacadas novidades do panorama
cinematográfico independente que non adoitan ser atendidas polos
circuítos de distribución comercial.
Así, nos próximos días tamén poderá
verse na Coruña ‘Qué dificil es ser un dios’ (xoves 7, 20.00
h), aclamada produción rusa de ciencia ficción, e ‘Timbuktú’
(venres 8, ás 18.00 e 20.30 h), coprodución mauritano-francesa do
director Abderrahmane Sissako, que obtivo seis galardóns na pasada
edición dos premios César, incluídos o de mellor película e de
mellor dirección.
Esta primeira semana da nova
programación maio-xuño propón un documental romanés sobre fútbol,
‘The Second Game’, que se exhibe o mércores 6 (18.00 e 20.30 h)
dentro da oferta do Circuíto de Cine Independente, rede da que a
filmoteca galega forma parte xunto con outros cinco centros culturais
públicos de todo o Estado. Ademais, o sábado 9 regresa CGAI Júnior
coa película alemá de animación ‘Amigos para siempre’. A cita
será ás 18.00 horas e a entrada, de balde.
Ciclos monográficos
O Centro Galego de Artes da Imaxe tamén
preparou para estes dous meses varios ciclos monográficos, como o
que lle dedicará ao proxecto europeo EFG1914, a través do que se
dixitalizaron 740 horas de películas sobre a I Guerra Mundial. Do 12
ao 14 de maio ofreceranse cinco sesións cunha escolma de materiais
realizada pola Filmoteca Española e o CulturArts-IVAC de Valencia
cara á súa exhibición pública.
A documentalista francesa Claire Simon,
a través da colaboración co Festival Play-Doc de Tui, e o cineasta
húngaro Miklos Jancsó serán, igualmente, obxecto de cadanseu ciclo
do 19 ao 27 de maio e todos os martes do 9 ao 30 de xuño,
respectivamente.
Por outra banda, o CGAI volve colaborar
este ano cos organizadores da (S8) Mostra de Cinema Periférico,
repetindo como unha das sedes do encontro, que desenvolverá a súa
sexta edición do 3 ao 7 de xuño. En paralelo, programaranse dúas
sesións dedicadas a Ken Jacobs, que servirán de antesala á
presenza do mítico cineasta norteamericano no festival coruñés.
O especial Ken Jacobs insírese, á súa
vez, noutra das seccións habituais da filmoteca galega que, baixo o
título de Desencadres, pon o foco sobre o traballo de destacadas
figuras internacionais nos ámbitos máis experimentais. É o caso de
Nathaniel Dorsky e Jerome Hiler, así como de Stan Brakhage, quen
desde primeiros de 2014 vén sendo obxecto de atención continuada
por parte do CGAI.
Así mesmo, na programación destes
meses haberá lugar para conmemorar o centenario do Technicolor, un
dos selos de calidade fotográfica por excelencia. En colaboración
con IB Cinema, organizaranse dúas sesións especiais o 28 e o 29 de
maio, coa proxección da primeira longametraxe realizada con esta
técnica (‘Toll of the Sea’) e a primeira en Vista Vision
(‘Navidades blancas’).
Esta ampla e moi variada carteleira
inclúe, ademais, as dúas longametraxes israelís do director Navad
Lapid –‘Policía en Israel’, premiada no festival de Locarno e
na Bafici de Bos Aires, e ‘La profesora de parvulario’–, así
como unha xornada dedicada aos recentes Premios Mestre Mateo do
audiovisual galego.