O arquipélago das Illas Cíes acollerá
o vindeiro día 9 o Xeolodía, unha iniciativa que pretende achegar á
sociedade tanto a xeoloxía como a profesión de xeólogo.
Trátase dunha actividade gratuíta
denominada xeolodía que se celebrará en todas as provincias
españolas consiste nunha excursión de campo guiada por xeólogos
aberta a todo tipo de público. Realizaranse en lugares interesantes
pola súa contorna xeolóxica e proporciónase unha información
rigorosa a nivel divulgativo.
Durante a excursión os participantes
poderán ver o territorio con ollos xeolóxicos e coñecer algúns
aspectos de como funciona a Terra sobre a que vivimos e de cuxos
recursos naturais dependemos totalmente. É tamén unha maneira de
sensibilizar á poboación sobre a importancia e necesidade de
protexer o noso patrimonio xeolóxico. A nivel nacional, os xeolodías
están organizados pola Sociedade Xeolóxica de España.
Na provincia de Pontevedra os
organizadores do xeolodía son Irene Alejo e José Bienvenido Diez
Ferrer, profesores titulares do Departamento de Xeociencias Mariñas
e Ordenación do Territorio da Universidade de Vigo, en colaboración
co Parque Nacional Marítimo Terrestre das Illas Atlánticas de
Galicia.
Para participar no xeolodía,
que terá lugar o día 9 de maio, é preciso inscribirse previamente
entre os días 4 e 7 de maio no teléfono 986813482 (de 10 a 14
horas) ou a través da web www.oceanografosgalicia.org
Divulgación da xeoloxía
O xeolodía é unha iniciativa de
divulgación da xeoloxía con 10 anos de percorrido, xa que se
organizou por primeira vez no ano 2005, no parque xeolóxico de
Alaiga (Teruel). O seu obxectivo é divulgar o coñecemento a través
de excursións de campo.
En total, a fin de semana do 9 e 10 de
maio levaranse a cabo 54 excursións guiadas, unha excursión en cada
provincia, agás nos arquipélagos balear e canario, onde se
celebrarán varias excursións en diferentes illas. Como novidade
este ano, en recoñecemento do seu interese divulgativo e impacto
social, Xeolodía 15 foi seleccionada como unha das
actividades que promove a Comisión Europea dentro da Semana Verde
(Green Week 2015).
En Galicia ademais da excursión ás
illas do parque nacional baixo o lema “Illas Cíes: un tesouro
xeolóxico por descubrir”, celebraranse actividades nas outras tres
provincias. Na Coruña terá lugar no concello de Valdoviño, baixo
o lema de “Descubrindo os tesouros da costa de Valdoviño”; na
provincia de Lugo a excursión celebrarase no concello de Quiroga,
baixo o nome “Percorrido xeolóxico paleontolóxico pola serra do
Courel; e por último, na provincia de Ourense, terán lugar a “Ruta
xeolóxica polo canón do río Mao”, en Parada do Sil.