El Confidencial
radiolider Buscador de noticias buscar en google
José Manuel López García
Sociedad

Feijóo: "Galicia sitúase a cabeza das comunicadas con máis deducións para favorecer a natalidade"

06-05-2015 20:12:28

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, subliñou hoxe no pleno do Parlamento que Galicia se sitúa á cabeza das comunidades autónomas con máis deducións fiscais para favorecer a natalidade, cun aumento este ano da dedución fiscal ata os 1.200 euros anuais no caso do segundo fillo, e ata os 2.400 no caso do terceiro ou sucesivo.
 
En resposta ás preguntas do grupos parlamentarios, Feijóo resaltou que esta iniciativa se complementa con outras medidas como o incremento nun 70% do número de prazas públicas de escolas infantís -“e por primeira vez estamos na ratio europea de 33 prazas por cada cen nenos-; a implantación da flexibilidade horaria e o teletrabrallo para os empregados públicos; e o incremento do permiso de paternidade. 
 
Se ben recoñeceu que o problema do envellecemento da poboación é un problema común ao resto de España e de Europa, o titular do Executivo autonómico incidiu no compromiso do Goberno galego nesta materia, reflectido no Plan de dinamización demográfica.
 

Concellos máis solventes e máis útiles para os cidadáns

Sobre a situación actual dos concellos, Feijóo aseverou que hoxe os municipios de Galicia son máis solventes e máis útiles para os cidadáns. E, nesta liña, destacou a cooperación entre a Administración autonómica e a Federación galega de municipios nos temas de maior importancia para os concellos.
 
“Pactamos coa Fegamp os grandes temas que afectan os concellos”, incidiu, referíndose á reforma da Lei do solo, á reforma das normas de hábitat, á implantación da Administración electrónica, á estabilización do fondo de cooperación local e á xeneralización dos anticipos nas subvencións dos entes locais.
 
Así, e máis polo miúdo, o titular do Executivo autonómico lembrou que, no eido da Sanidade, “a Xunta asumiu en plena recesión económica 51 centros de saúde; condonaremos o 50% das débedas que tiñan co consorcio de servizos sociais do bipartito; pactamos coa Fegamp o novo mapa de emerxencias da Comunidade e puxemos á disposición dos concellos a rede dixital; no eido do transporte, puxemos a funcionar os plans de transporte metropolitano na Coruña, Santiago, Lugo, Ferrol e Vigo; mantivemos o fondo de cooperación local a pesar da baixada dos ingresos da Comunidade; e adaptamos a Lei de réxime local aos problemas de Galicia”.
 
Ademais crear novos instrumentos financeiros coma o canon eólico, que achegou ás arcas municipais galegas 40 millóns de euros, Feijóo precisou que a suma total das transferencias realizadas desde a Xunta aos concellos o pasado ano alcanzaron os 300 millóns.
 
No tocante á situación económica, o responsable autonómico subliñou que, pese a atopar unha Galicia que destruía 51.000 postos de traballo no último ano do Goberno bipartito, no ano 2014 comezaron a mellorar os datos do emprego neto “e, no 2015 estamos a crear emprego”. “Temos o mellor mes de abril desde que hai serie histórica. O paro en Galicia baixou un 9,4%, dous puntos máis que a media de España, e temos menos paro rexistrado en abril de 2015 que en abril do 2011”, dixo.
 
 
 





www.galiciadiario.com no se hará responsable de los comentarios de los lectores. Nuestro editor los revisará para evitar insultos u opiniones ofensivas. Gracias