Ferrol. O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, asegurou esta tarde que “votar ao Partido Popular é votar a xestión irresponsable, canto máis PP, menos Ferrol”.
O líder do PSdeG participou nun mitin en Ferrol xunto ao secretario de Organización do PSOE, César Luena, e a candidata á alcaldía de Ferrol, Beatriz Sestayo. “O que Feijóo está trasladando aos galegos e galegas cada vez que se atopa un problema é algo moi grave, Feijóo está dicindo ‘iso non vai comigo’”, manifestou.
“Lamentablemente xa estamos acostumados a que cada vez que xurde un problema, o presidente da Xunta, lonxe de asumir ningún tipo de responsabilidade, lle cargue a culpa a outros”, apuntou Besteiro. “Do paro, a culpa é das empresas que despiden, do colapso das urxencias, a culpa é do mal tempo, da subida no recibo do lixo, a culpa é dos alcaldes, e de que non se fale galego, a culpa é dos país”, dixo.
“Pero se ningún problema vai con el, para que sirve o presidente da Xunta nestes momentos? Se non podemos confiar nun presidente esgotado que non pode facer nada, como imos a confiar nun alcalde do PP que baixa a cabeza e non protesta diante deste tipo de actitudes?”, preguntouse o secretario xeral dos socialistas galegos.
En opinión de Besteiro, “esta irresponsabilidade trasládase aos alcaldes e alcaldesas do PP, que amparados pola actitude do presidente da Xunta, tampouco se sinten responsables do que pasa nos seus concellos, non se implican e en Ferrol temos un claro exemplo”.
“Esta cidade está farta das promesas incumpridas do PP, dos floteis, do tan necesario dique flotante ou do proxecto da fragata F110, comprometida polo presidente do Goberno, Mariano Rajoy, no seu discurso de investidura; chegou o momento do cambio, Ferrol necesita o impulso que os socialistas sempre levamos aos concellos onde gobernamos”, rematou.