El Confidencial
radiolider Buscador de noticias buscar en google
José Manuel López García
Nacional

ELECCIÓNS 24M

Besteiro: "O PsdeG non é unha alternativa"

16-05-2015 13:13:52

Lugo. O secretario xeral do PsdeG, José Ramón Gómez Besteiro, acompañou esta mañá ao alcalde e candidato á alcaldía de Lugo, José López Orozco, nun percorrido pola cidade no que destacou que os socialistas encaran “a tope” a última semana de campaña na que trasladarán que “o PsdeG non é unha alternativa, senón a única solución para as cidades, vilas e pobos deste país” porque é “crible, solvente, e con candidatos que teñen oficio na xestión dos servizos públicos”.   

“Cando hai tanta dúbida sobre as alternativas, ao final a xente optará pola única solución, que ofrecemos os socialistas, solvente e pensada para gobernar para a maioría”, dixo, cunha “diferencia radical cun PP que decepcionou a tanta xente e que utilizou as súas maiorías para poñelas en contra da maioría dos cidadáns”. “Iso o 24 de maio tamén se somete a xuízo”, apuntou. Besteiro sinalou que os socialistas teñen “proxecto e futuro” para os cidadáns. “Por iso onde gobernamos, os socialistas consolidamos as nosas posicións”.   


Lugo, o mellor concello en investimento social   

“Durante os últimos catro anos, as cidades socialistas foron cidades solidarias e con programas sociais dos máis avanzados. Lugo é o mellor concello en investimento social de toda Galicia, marca da casa do partido socialista e dun alcalde que leva 16 anos traballando pola cidade e que ten forza, ilusión e proxecto para seguir traballando outros tantos anos máis”, afirmou Besteiro. “Esa é a diferencia entre uns e outros, non é o mismo votar ao PP que votar ao PsdeG para conseguir unha cidade solidaria para todos os cidadáns, e onde todos se sintan en igualdade de dereitos e de oportunidades”.   

“Hai un partido que se sitúa radicalmente diferente ao que somos, que é o PP, que hoxe non supón unha alternativa crible despois duns anos tan duros para todos sen apostar pola cidadanía. E cando se apaguen os focos doutras formacións, o partido socialista seguirá estando e dando solución aos problemas dos cidadáns. É o que seguiremos a facer o 24 M con máis alcaldías”, engadiu.   

Pola súa banda, Orozco falou da protección e promoción do comercio lucense que contempla o seu programa electoral. “Seguiremos colaborando co comercio e coa pequena e mediana empresa, que é a que está a crear emprego en Lugo; manteremos as axudas para que melloren as súas infraestruturas e, desta maneira, poidan seguir xerando postos de traballo”.   

López Orozco amosou a súa preocupación polas 12.000 persoas paradas lucenses e sinalou que “un alcalde debe ter como máxima preocupación crear a suficiente actividade económica para que ese número de desempregados quede en 0”. Con esa fin, comprométese a impulsar, aínda máis, o Arde Lucus e o San Froilán, a cultura e o turismo de Lugo “que van unidos”, e deixarlle claro ó mundo que “temos unha Muralla Patrimonio da Humanidade, unha muralla romana única, conservada na súa integridade porque isto supón actividade para a hostalería e o pequeno comercio”. En definitiva, dixo, isto dinamiza a economía de Lugo.   

O candidato do PSdeG-PSOE á Alcaldía de Lugo referiuse tamén aos logros dos seus gobernos resumíndoo no principal: “No primeiro programa propoñía que todos os veciños tiveran igualdade de dereitos independentemente de onde vivan e niso avanzamos moito”, malia que confesou non estar contento porque “sempre se pode facer máis e por iso volvo presentarme, para progresar nos dereitos e oportunidades cidadás”.  





www.galiciadiario.com no se hará responsable de los comentarios de los lectores. Nuestro editor los revisará para evitar insultos u opiniones ofensivas. Gracias