Portos de Galicia impulsará o desenvolvemento
dun ralli marítimo nas Rías Baixas ao longo deste verán como experiencia piloto
para a inclusión deste modelo de actividade no proxecto europeo NEA 3. O ente
público está a ultimar actualmente a proposta galega para a participación no
programa internacional que definirá as súas liñas de acción e financiamento de
proxectos concretos nos vindeiros meses.
A actividade que se propón para actuar como
proba piloto consistiría na conformación dunha das chamadas flotillas de
navegación, grupos de arredor dunha vintena de barcos de tripulación ou
pasaxeiros, para realizar unha ruta de varias xornadas. Habitualmente este tipo
de actividades teñen unha duración de entre unha fin de semana e quince días
cun máximo de 100 persoas participantes, entre barcos só con tripulación e de
pasaxeiros.
Esta actividade servirá para avaliar as
necesidades portuarias existentes e comprobar a capacidade organizativa dos
participantes de cara a promocionar este modelo de navegación en Galicia no
marco do proxecto NEA 3. Deste xeito, Portos de Galicia ratifica a súa vontade
de abrir novos modelos de negocio e rendibilidade económica das instalacións
náutico recreativas de titularidade autonómica.
Este obxectivo ven recollido no Plan
Estratéxico da Náutica Recreativa 2012-2020 que o ente público está a
desenvolver como folla de ruta do sector para optimizar a distribución de
recursos no ámbito dos peiraos e instalacións marítimo deportivas. Para acadar
esta finalidade, o organismo que preside José Juan Durán está a impulsar unha
estratexia transversal de promoción da náutica en coordinación con outras
administracións e entidades públicas e privadas, así como axentes e operadores
portuarios.
O programa NEA 3 da Unión Europea,
continuidade do NEA 2 no que Portos de Galicia mantivo tamén unha participación
activa, define tres piares de actuación para continuar avanzando no
desenvolvemento da náutica recreativa: o social, o económico e o
medioambiental. Así mesmo, Portos de Galicia impulsará a través do NEA 3 a rendibilización económica
da actividade náutico recreativa, a través da xeración de riqueza e postos de
traballo.