Lugo. O
secretario xeral do PsdeG, José Ramón Gómez Besteiro, participou esta mañá nun
acto de lectura de textos literarios galegos polo Día das Letras xunto con José
López Orozco e a candidatura socialista de Lugo. Besteiro continuou coas “dez
pragas” do PP e de Feijóo nos concellos, e despois de falar onte das dúas
primeiras, o desemprego e o estancamento, detívose hoxe nunha terceira, a que
afecta ao idioma. “Outra das pragas que trouxo o PP a Galicia, desde a Xunta e
desde os concellos, é a da dereita acomplexada que renuncia ao noso, ao que
somos, perdendo un potencial social e económico fundamental para o noso país e a
nivel internacional, o galego, e faino non só coas verbas senón coas actuacións
e cos orzamentos”, dixo o socialista.
“Con
Fraga, xa sen facer mención ao goberno de Touriño, neste país investíase no
idioma tres veces máis do que o fai Feijóo en 2015, ese é o compromiso do PP co
noso idioma, co que somos, coa nosa cultura, que non lles preocupan”, afirmou
Besteiro, que aclarou que “non o di só o PsdeG, senón que o di a Real Academia
Galega, o din as tres universidades, non investir no noso idioma e na nosa cultura
non é unha opción, tampouco desde os concellos. Onde os socialistas gobernamos,
investimos en cultura, baixo a premisa da tolerancia e do respecto, pero sen
renunciar ao que é propio e noso, o noso idioma e a nosa cultura”, afirmou,
fronte “á falla de aprecio e de cariño” do PP.
Durante
o acto celebrado esta mañá en Lugo, Besteiro escolleu para a súa lectura un
fragmento do texto do discurso de ingreso na Real Academia Galega de Ramón
Piñeiro, A Linguaxe e as Linguas, de 1967, que nun dos seus puntos di: “(...)
Para o poñermos en condicións de conquerir o necesario progreso
económico-social, temos que o redimir previamente das súas taras psicolóxicas
seculares. A arma redentora é o idioma, xa que o idioma foi a arma que se
utilizou para crealas (...)”.
Con
respecto ás enquisas electorais, Gómez Besteiro apuntou que onde gobernan os
socialistas “confírmase o aprecio e a confianza dos cidadáns”. O PP, pola súa
banda, “está buscando desesperadamente un socio que o poida apoiar, lánzanse á
busca e captura de dúas opcións, por un lado o medo, o medo ao cambio. Levamos
35 anos de democracia e o PP apela aínda ao medo. Que vén o lobo, di, e non se
dá conta de que nestes últimos catro anos, seis anos en Galicia, o lobo xa
estaba aquí entre nós, con eles”.
“Por
outro lado teñen un discurso moi triste, moi pesimista, de pouca confianza no
seu propio valor político. E en terceiro lugar, está aí ese voto do partidos
socialista, presto a ser activado, porque recoñecen en nós unha opción fiable,
tolerante, tranquila de cambio, e sobre a que se poden aglutinar os cambios que
a cidadanía desexa. A cidadanía está deixando claro que quere cambios, e
aflorará ese voto socialista como opción de cambio realista e como a verdadeira
solución para moitos concellos de Galicia”, asegurou.