Pontevedra. O secretario xeral do PSdeG-PSOE, José
Ramón Gómez Besteiro, pediu hoxe o voto “a favor da confianza no progreso” que
representa o PSdeG e “en contra do radicalismo de dereitas que tanta pobreza
está traendo . Así o dixo nun mitin ao aire libre, na Praza da Peregrina, onde
acompañou ao candidato socialista á alcaldía de Pontevedra, Tino Fernández.
O líder dos socialistas galegos contrapuxo
hoxe o proxecto socialdemócrata do PSdeG con un PP que “demostrou ser o partido
mais radical á hora de recortar servizos e dereitos aos cidadáns”. Puxo como
exemplo o incremento da desigualdade e a desprotección das persoas como unha
mais das dez pragas que representa Feijóo dende o goberno galego.
Besteiro acusou ao presidente da Xunta de
ter provocado un incremento da fenda salarial entre homes e mulleres, ao
permitir unha caída maior dos salarios das mulleres que os dos homes mentres
reducía o orzamento para igualdade e afogaba as políticas de xénero e de
mocidade.
Feijóo, dixo, mantense “lonxe das
necesidades reais dos cidadáns, goberna dende a distancia e non entende o valor
do goberno autonómico e do municipalismo como provedor dos servizos públicos
esenciais”. Por iso Galicia foi baixo o seu mandato a terceira Comunidade
Autónoma que mais reduciu o gasto en servizos sociais dende 2009.
De acordo coa asociación estatal de
directores e xerentes en servizos sociais, Galicia reduciu un 18,65 por cento o
gasto en servizos sociais dende a chegada de Feijóo, que suprimiu unha media de
134 millóns de euros menos cada ano ao mantemento do benestar.
Xestión pechada
Esta é a mellor proba das consecuencias da
xestión política do PP dende a Xunta, os concellos e a propia Deputación de
Pontevedra, “pechada para as súas vilas, para as súas cidades e, sobre todo,
lonxe dos seus veciños”.
Demostrou que o PSdeG representa a
alternativa a esta política e puxo como exemplo a súa propia experiencia como
presidente da Deputación Provincial de Lugo. Naquela provincia, lembrou “non se
coñecía nada máis que o PP, pero ao final, con traballo e humildade rompemos
esas cadeas e fixemos unha institución útil e aberta para os cidadáns”.
“Cada voto ao PSdeG en Pontevedra
–engadiu- é unha chave para abrir a Deputación de Pontevedra á cidadanía”, e
“pechárllela a Feijóo, que a utiliza como un simple enclave de poder, como vén
facendo dende que chegou rebotado de Madrid para Galicia”.
Gómez Besteiro pediu o voto para permitir,
a través do PSdeG, “desaloxar a aqueles emisarios da dereita á que só lle
interesan municipios calados que apliquen os recortes”.
Mais os coñecen e menos os queren
Gómez Besteiro dixo que Pontevedra é
precisamente a provincia “onde mellor coñecen a Feijóo e Rajoy, e tal vez por
iso onde menos os queren”, onde “nin o partido de Feijóo gaña en Vigo nin o
partido de Rajoy gaña en Pontevedra” e por iso “vai ser na provincia de
Pontevedra onde o PP teña os seus peores resultados.”
Anticipou que “Feijóo vaise quedar sen delegados en
Pontevedra, nin aquí na capital, nin en Vigo, nin en Vilagarcía, nin en
Redondela, nin en Ponteareas, nin na Estrada, nin no conxunto da provincia de
Pontevedra”.
O secretario xeral do PSdeG-PSOE pediu o
apoio a Tino Fernández, “un candidato con voz propia”, mentres o PP presenta a
“un simple delegado de Feijóo programado para baixar a cabeza”. Presentou un
proxecto, o socialista, que ten Pontevedra como “palanca social e económica de
Galicia”.
Criticou que o PP vexa en Pontevedra “nada
mais que un lugar de veraneo”, que contrapuxo a un PSdeG que ve na cidade e en
toda a provincia “dinamismo, fortalezas e oportunidades”.
Un partido que suma
Gómez Besteiro presentou o proxecto
socialista como o de “o partido que sempre suma”, e sinalou que “presentámonos
para gañar, pero o partido socialista sempre sae a sumar para o cambio”. Dixo
así que os socialistas “presentámonos para liderar a maioría de progreso que os
cidadáns quere”, fronte a “outros partidos dispostos a ter a maior capacidade
de chantaxe posible”.
Saúdos, Comunicación PSdeG-PSOE