Ourense. O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez
Besteiro, participou hoxe no mitin central de Ourense xunto co candidato á
alcaldía, José Ángel Vázquez Barquero, e reivindicou o papel dos socialistas
como “o partido da Galicia real”, tamén “a Galicia das persoas ás que o PP
defraudou e deixou tiradas unha vez acadado o seu voto”.
Besteiro confrontou esa realidade co “lonxe que se
atopan os dirixentes do PP da situación real das persoas nos seus concellos”,
exemplificada na frase pronunciada onte por Rajoy (“Quién habla hoy del paro en
España?”). Ante isto, respondeu o socialista: “Claro que falamos de paro en
Galicia e en Ourense; falamos de paro, precariedade e emigración”, dixo, co
dobre do número de parados na provincia desde que Feijóo está na Xunta, un 40%
dos que teñen traballo que non chega a ser mileurista, e 12.000 persoas,
principalmente mozos e mozas, que abandonaron a provincia.
Tras este escenario, afirmou Besteiro, “O pobre
Feijóo pide a berros que regresen os moderados que lle escapan a centos do seu
partido, e resulta que o único que pide o reingreso no PP é Bárcenas”. “Esa é a
realidade do seu partido, asúmao señor Feijóo!”, dixo o socialista antes de
introducir outra das “dez pragas” do PP que asolaron os concellos, a “da
despoboación e a nova emigración dos mozos”, pois desde que Feijóo goberna
Galicia perdeu case 50.000 habitantes.
Contra esta realidade, o secretario xeral do PSdeG
reivindicou a necesidade de continuar co proxecto socialista e chamou aos
ourensáns a “non permitir que Feijóo substitúa un alcalde de todos os veciños
por un amigo seu, dos que sabe que non se atreven a dicirlle que non”. Tamén
chamou a “non deixar que os Baltar lle contaxien á cidade a súa capacidade de
deprimir territorios”, xa que “as zonas máis dinámicas de Ourense” son as que
gobernan os socialistas, a propia cidade, O Barco, Ribadavia ou Amoeiro, por
exemplo.
“Os socialistas fixemos da
cidade de Ourense a capital galega do termalismo, un exemplo de dinamización do
centro urbano e a porta da alta velocidade galega. E que fixeron os Baltar pola
provincia coa aquiescencia de Feijóo? Paro, precariedade e emigración”,
insistiu. Sobre o candidato á alcaldía destacou que “Barquero ten un traballo
como concelleiro que o avala e foi elixido polos ourensáns, mentres que o ex
conselleiro foi enviado aquí a dedo polo xefe do seu partido”.
“Creo que Feijóo anda por
Ourense, será que hoxe lle deixou vir Baltar. Xa sabedes por que aparece Feijóo
estes días por Ourense. Vén pola provincia porque a ve como un caladoiro de
votos. Só por iso. Logo xa non volve”, afirmou Besteiro, que chamou a “demostrarlle
a Feijóo que Ourense é moito máis que iso”.
“O PSdeG somos a única maioría
de esquerdas que suma nos concellos para que o cambio chegue a toda a
provincia. Por iso cómpre seguir cunha xestión socialista no concello e romper
tamén a liña dinástica do Partido Popular que reina na Deputación e que Feijóo
permite e admite como natural”, dixo o socialista, que incidiu en que “non se
pode confiar máis no partido que traizoa aos que lle votan, non se pode confiar
no partido que máis traizoa ás persoas”.