O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, avanzou hoxe a
aprobación no vindeiro Consello da Xunta dunha partida de 2,3 millóns de euros
para mellorar a cualificación de 1.000 desempregados de longa duración con
cargas familiares.
Durante unha entrevista na Cadena Cope, Feijóo precisou que o obxectivo é
que aquelas persoas que carezan de cualificación adquiran as competencias mínimas para mellorar
a súa empregabilidade; e aquelas con certa cualificación consigan unha
formación axustada ás necesidades do tecido produtivo.
Esta
orde pioneira, que se remitirá de xeito inmediato ao DOG para que estea
activada neste primeiro semestre de 2015, consistirá na convocatoria de 67
accións formativas de catro tipos e que poderán beneficiar 1.000 persoas:
vinculadas coa aprendizaxe de idiomas; coas competencias requiridas polas
empresas no ámbito das TIC; dirixidas á obtención das competencias clave en
lingua castelá, matemáticas e lingua galega, nos niveis 2 e 3; e para a
adquisición de certificados de profesionalidade.
Feijóo
subliñou que esta nova iniciativa se enmarca dentro do Plan de Activación para
o Emprego 2015-2016, acordado coa patronal e os sindicatos e que, cun orzamento
total de 10 millóns de euros e seis medidas concretas, ten como destinatarios
uns 20.000 parados de longa duración con cargas familiares que teñan esgotado
as súas axudas ou as súas prestacións hai seis meses ou máis.
De
feito, o plan tamén permitirá desenvolver proximamente incentivos á
contratación. A este respecto, o presidente explicou que, a través das medidas
aprobadas polo Goberno estatal, se permite que unha empresa contrate
traballadores coa posibilidade de compatibilizar, durante 5 meses, un contrato
por conta allea coa renda de acompañamento (426 euros que se deducirán do
salario que se vai aboar). Polo tanto, a Administración autonómica incentiva
estes contratos con contías entre 3.000 e 8.000 euros, segundo o tipo de
contrato.
Así,
por exemplo, os 3.000 euros cos que se promove o contrato temporal de 12 meses
permite que a empresa poida ter un contrato incentivado con máis de 420 euros
durante todo o ano, se se computan os 5 meses nos que se pode compatibilizar o
contrato coa prestación aos que se suma esta axuda da Xunta.
Doutra
banda, tamén se incentiva a transformación dos temporais en indefinidos. “Imos incentivar
a formación e a contratación”, aseverou Feijóo, ao que engadiu que o emprego segue
a ser para o Goberno galego unha prioridade. “Hoxe temos 25.000 persoas menos
que fai un ano apuntadas nas listas do paro, e 20.000 persoas máis afiliadas á
Seguridade Social. E os datos do mes de maio desde o punto de vista da
diminución de parados son datos tamén moi esperanzadores”, incidiu.
Outras inversións en
materia de formación
Ademais
desta nova iniciativa, a Xunta ten en marcha outras medidas en materia de
formación como o programa de formación para desempregados, que este ano conta
cun orzamento de 23,5 millóns de euros, cos que se prevé realizar 680 accións
formativas vinculadas á obtención de certificados de profesionalidade con
validez en todo o territorio nacional dos que se poidan beneficiar 10.000
persoas.
Así
mesmo, investiranse este ano 2,6 millóns de euros para a formación dual co que
se prevé poder formalizar preto de 500 contratos para mozos menores de 30
anos. Con esta iniciativa, dáse resposta
á aposta do Goberno galego por incentivar o emprego a través do contrato de
formación e aprendizaxe, xa que así se poden formar os mozos mentres perciben
unha retribución polo seu traballo, amparados por un contrato con todas as
garantías legais e cun salario estipulado e axustado ao convenio colectivo e
supervisado polo Servizo Público de Emprego de Galicia.