Lugo. O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez
Besteiro, participou hoxe en Lugo no mitin central xunto co alcalde e
candidato, José López Orozco, e a número 2 da candidatura e vicepresidenta da
Deputación, Lara Méndez. Besteiro apelou á xente que aínda non ten decidido o
seu voto para que elixan “alcaldes con voz propia” necesarios para defendelos
da “irresponsabilidade” da dereita, e non “delegados do PP e da nefasta xestión
de Rajoy e Feijóo”.
Para exemplificar esa mala xestión, o socialista
aludiu a un recente estudo que alerta de que a hucha das pensións pode
esgotarse en cinco anos. “Rajoy non para de sacar cartos do Fondo de Reserva da
Seguridade Social, o que coñecemos como a hucha das pensións, que os
socialistas deixamos con 67.000 millóns. En só tres anos, Rajoy gastou a metade
dese diñeiro”, dixo. “En Galicia e en Lugo, que temos moita xente maior con
fillos no paro, vemos como o que parecía intocable, a dereita o destrúe por
mala xestión económica”.
En Galicia, “lonxe de botar unha man ás persoas
maiores”, Feijóo “dedícase a recortar prestacións sociais e servizos
sanitarios” nos hospitais da Xunta. “Se Rajoy fai perigar as pensións desde
Madrid, e Feijóo recorta os servizos sanitarios dende a Xunta, como imos a
permitirnos ter tamén un Alcalde de dereitas que baixe a cabeza ante esta
situación?”, preguntouse Besteiro. “Necesitamos alcaldes como os do partido
socialista, capaces de ter o concello saneado e seguir prestando servizos aos
maiores, establecendo unha barreira de protección fronte a irresponsabilidade
social da dereita”.
O socialista afirmou que “á dereita e a Feijóo, Lugo
segue a quedarlles moi lonxe”, sobre todo “á hora de amosar un mínimo de
sensibilidade cos seus veciños”, e reiteroulle a oferta da Deputación de
financiar o servizo de Hemodinámica as 24 horas. “Pídolle a Feijóo que exerza
por unha vez de Presidente de todos os galegos e supere dunha vez por todas que
o PP non goberne en Lugo, sobre todo porque vai a seguir sen gobernar”, dixo.
O secretario xeral do PsdeG trasladoulle aos
lucenses que “Lugo non debe cambiar o alcalde que máis a fixo crecer como
cidade por unha persoa que renega dos seus veciños”. Porque o “máis triste”,
dixo, “é que o PP non só non fai nada desde a Xunta por esta cidade, senón que
os emisarios do PP na cidade e na provincia seguen a defender irracionalmente
os argumentos do seu partido por riba dos argumentos dos veciños e das súas
familias”.
Así, o PP “non so demostra que é capaz de traizoar
a aqueles que lle votaron”, senón tamén “ser un partido completamente
insensible cos problemas dos que lle votaron e que eles mesmos causan”. “Non
lle deades a confianza a unha persoa que vos pide o voto e logo vota en contra
de Lugo no Parlamento galego! Non cambiedes a Orozco por un renegado dos
lucenses!”, concluíu.