O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, celebrou
hoxe que o Goberno central vaia autorizar a venda nas farmacias españolas da
vacina contra o meningococo B, tal e como Galicia viña demandando. Así o
adiantou na rolda de prensa do Consello, logo de manter onte unha conversa co
ministro de Sanidade, Alfonso Alonso, na que lle comunicou esta decisión.
O mandatario
galego precisou que o pasado luns tivo a oportunidade de abordar esta cuestión
nunha xuntanza que mantivo co titular de Sanidade, onde defendeu a postura que
Galicia viña mantendo desde hai semanas cando, dixo, “nos pronunciamos dunha
forma moi clara”.
Segundo
concretou, tal e como lle comunicou o ministro Alfonso Alonso na conversa que
ambos os dous mantiveron onte, os servizos do Ministerio de Sanidade iniciarán
agora o proceso para contactar cos laboratorios e que a vacina contra o
meningococo B poida estar dispoñible nas farmacias de toda España “en poucos
meses”. Unha decisión que agradeceu e cualificou de “axeitada”.
“Este
procedemento está en marcha, e eu espero que os pais que teñen unha receita dun
pediatra poidan retirar esa vacina no momento en que chegue a todas as
farmacias españolas”, aseverou, rematando así, coa situación actual, que
“estaba provocando unha serie de tensións e desacougos nas familias galegas
dunha importancia non menor”.