El Confidencial
radiolider Buscador de noticias buscar en google
José Manuel López García
Sociedad

EN XUÑO

Santiago acollerá o I Encontro Mundial en Galicia de Asociacións de Amigos do Camiño

28-05-2015 17:06:00

Santiago de Compostela acollerá o Primeiro Encontro Mundial en Galicia de Asociacións de Amigos do Camiño, un evento que hoxe foi presentado pola directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, e o xerente do Xacobeo, Rafael Sánchez, e no que participarán preto de 300 membros de 154 agrupacións procedentes de 28 países dos cinco continentes.   

Así Galicia acollerá neste encontro membros das asociacións de amigos do Camiño de Alemaña, Arxentina, Australia, Austria, Bélxica, Brasil, Canadá, Corea do Sur, Eslovaquia, Eslovenia, Estados Unidos, Filipinas, Finlandia, Francia, Holanda, Hungría, Irlanda, Italia, Xapón, Polonia, Portugal, Porto Rico, Reino Unido, República Checa,  Sudáfrica, Suíza, Uruguai e España.   Trátase, segundo salientou Nava Castro, dunha convocatoria a nivel mundial que converterá a Santiago de Compostela de novo na capital mundial do turismo de peregrinacións e a Galicia, “nun dos principais epicentros turísticos a nivel internacional”.   

Este encontro, que en palabras da directora de Turismo de Galicia supón “un recoñecemento ao labor que realizan as asociacións de amigos do Camiño, que conforman un dos piares básicos no impulso da peregrinación a Santiago de Compostela”, celebrarase entre os días 4 e 6 de xuño no Centro Sociocultural de A Banca.   


Homenaxe aos amigos do Camiño 

Na presentación, Nava Castro destacou que se trata da cita máis importante realizada ata o momento neste ámbito coa que “queremos homenaxear ás asociación de amigos do Camiño de todo o mundo”, propiciando unha reunión para dar a coñecer o seu traballo e dedicación ao longo de tantos anos, sen o que non sería posible o que hoxe coñecemos como Fenómeno Xacobeo.   

A directora de Turismo de Galicia afirmou que “un dos axentes que contribúe máis positivamente na difusión do Camiño e na súa promoción é os colectivos de peregrinos que conforman as asociacións de amigos do Camiño de Santiago que se atopan espalladas polos cinco continentes con máis de 300 colectivos”.   


Recoñecemento e gratitude 

 Na súa intervención, a directora de Turismo de Galicia manifestou que Galicia mantiña unha débeda de recoñecemento e gratitude con todo este amplo colectivo “que día a día realiza de balde un traballo exemplar na promoción do Camiño de Santiago e que por fin saldaremos con este I Encontro Internacional”.   

Segundo manifestou Nava Castro, o evento non será nin un congreso propiamente dito nin un seminario, senón que dende Turismo de Galicia apostase por “un auténtico encontro onde sexan as diversas asociacións as que tomen a palabra para analizar o seu traballo, compartir inquedanzas, e reflexionar sobre os seus obxectivos”.   

A directora de Turismo de Galicia mostrou a súa seguridade en que esta xuntanza responderá ás expectativas do movemento asociativo e as súas opinións adquirirán un papel protagonista para servir como guieiro no traballo polo impulso e a conservación do Camiño de Santiago.  


Exposición Amigos do Camiño: Hospitalidade, investigación e difusión

De maneira paralela ao encontro, o Centro Social  ABANCA acollerá, dende o 4 ao 12 de xuño, a exposición ‘Amigos do Camiño: Hospitalidade, investigación e difusión’.   

Unha mostra que presentará, a partir de diversos materiais editados, unha completa visión das actividades propias das Asociacións Xacobeas, relacionadas coa investigación e recuperación do Camiño, a súa revalorización e promoción.   

Así mesmo, o encontro clausurarase cun acto conmemorativo no enclave do antigo cemiterio de peregrinos de Santiago no que renderase homenaxe aos miles de peregrinos que ao longo do séculos teñen chegado ata Santiago.   


Auxe da Ruta xacobea 

 A directora de Turismo de Galicia pechou a súa intervención referíndose ao auxe da Ruta Xacobea que, segundo sinalou, acolleu xa no que vai de ano a máis de 50 mil peregrinos, o que supón un incremento de máis do 13% en relación ao mesmo período do ano anterior.   

Neste senso, Nava Castro remarcou que esta iniciativa “continuará poñendo en valor a dimensión internacional do fenómeno da peregrinación xacobea, que no pasado ano trouxo ata Galicia a máis de 237 mil peregrinos procedentes de máis de 140 países dos cinco continentes”.





www.galiciadiario.com no se hará responsable de los comentarios de los lectores. Nuestro editor los revisará para evitar insultos u opiniones ofensivas. Gracias