El Confidencial
radiolider Buscador de noticias buscar en google
José Manuel López García
Sociedad

DÍA MUNDIAL DOS OCÉANOS

O Parque Nacional Marítimo Terrestre Illas Atlánticas acollerá a exposición itinerante Un mar de datos

30-05-2015 12:39:11

Con motivo do Día Mundial dos Océanos, que se celebra o 8 de xuño, o Parque Nacional Marítimo Terrestre Illas Atlánticas acollerá durante todo o mes de xuño a exposición itinerante Un mar de datos, que recolle os descubrimentos máis importantes da Expedición Malaspina de investigación oceanográfica.   

A través de 22 paneis, os visitantes poderán coñecer no edificio Cambón de Vigo achados científicos como que a acidez do océano aumentou un 30% desde a revolución industrial ou que hai unhas dez veces máis de peces do que se pensaba.   Foi o 15 de decembro de 2010 cando máis de 250 investigadores e investigadoras iniciaron, a bordo dos buques de investigación oceanográfica Hespérides e Vide de Gamboa, a expedición Malaspina, que os levou a percorrer o mundo en diferentes etapas durante nove meses. O obxectivo era coñecer o impacto do cambio global no océano e explorar a biodiversidade mariña.   

No periplo, o equipo investigador acumulou innumerables datos cos que constatou a presenza de contaminantes en todos os puntos nos que tomaron mostras, deducindo que o transporte atmosférico de substancias fai que estas estean presentes mesmo en alta mar. Así mesmo, comprobouse que microorganismos como bacterias, esporas de fungos, pole ou células de fitoplancto tamén 'viaxan' polo aire cubrindo distancias que poden superar os 5.000 quilómetros.   

De carácter interdisciplinar, o proxecto Malaspina foi un fito na investigación en ciencias mariñas. Pero, ademais, xuntou o traballo científico coa formación de mozos investigadores e o fomento da cultura científica na sociedade. O proxecto pertence ao Programa Consolider-Inxenio 2010 e foi liderado polo Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC), en estreita colaboración coa Armada Española e a Fundación BBVA.   


Outras actividades 

 Ao longo do mes de xuño o parque nacional marítimo terrestre das illas atlánticas acollerá outras actividades de carácter didáctico e lúdico.  É o caso das visitas previstas á sede do parque en Vigo por membros da Asociación Española contra o Cancro o 2 de xuño, ou dos alumnos do IES Cambados o día 3. O edificio Cambón tamén acollerá un curso de fotografía dixital entre os días 6 e 7 de xuño; así como un curso de Turismo sustentable en parques nacionais. Carta europea de Turismo, organizado en colaboración co Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente, entre o 8 e o 12 de xuño.   

Por último, este mes de xuño destaca tamén a visita guiada a Cíes que realizarán os alumnos do Centro Integrado de Formación Profesional Carlos Oroza, de Pontevedra o día 4 de xuño; a visita guiada a Cíes que levarán a cabo 24 persoas do Hospital Rebullón de Vigo o 10 de xuño ou o taller práctico de fotografía no parque nacional de Galicia que se desenvolverá entre o 20 e o 21 de xuño.                                





www.galiciadiario.com no se hará responsable de los comentarios de los lectores. Nuestro editor los revisará para evitar insultos u opiniones ofensivas. Gracias