A XII edición do Festival Castelo Rock, que terá lugar o 7 e o 8 de agosto na Praia do Castelo de Muros (A Coruña), sumou este martes as últimas incorporacións ao seu cartel cos grupos Boikot, Skandalo GZ, Biribirlocke e o grupo local Archivo Adxunto.
"O cartel deste ano ten unha gran calidade musical. Ademais os grupos elixidos teñen un gran poder de convocatoria, o que ampla a afluencia de visitantes notablemente. Do mesmo modo, como no resto de edicións apostamos pola participación maioritaria de bandas galegas como defensa da cultura da nosa terra" indicou Pedro A. Lago presidente da ACRD Praia do Castelo, entidade sen ánimo de lucro que organiza o festival.
O escenario principal do Castelo Rock estará situado no recinto portuario de Muros, lugar onde se celebra este festival dende a súa primeira edición en 2003. Por este, espazo de 5.000 metros cadrados, pasaron os grupos de rock máis destacados da escena nacional: Los Suaves, Barricada, Rosendo, Barón Rojo, Boikot o Ilegales. Por suposto, tamén se contou coa presenza das mellores agrupacións galegas como Siniestro Total, Dios Ke Te Crew o Dakidarria.
Ademais, os días do festival celebraranse actividades gratuítas en diferentes localizacións da zona antiga do pobo co obxectivo de converter o pobo enteiro nunha festa e que poida participar público de todas as idades. Como en anteriores edicións habilitarase unha zona de durmida gratuíta ata completar aforamento, situada no Pavillón Polideportivo de Miraflores. Trátase dun recinto cuberto dotado de baños e duchas para garantir a comodidade dos visitantes.
Mantendo sempre o espírito do seu nacemento, a organización aposta por un evento de calidade onde se lle brinda aos asistentes a oportunidade de coñecer a gastronomía, a cultura e os costumes locais, ambientado coa mellor oferta musical.
É importante recordar que o Castelo Rock nace da ilusión e o apoio de todo un pobo que de xeito voluntario e totalmente desinteresada traballa antes, durante e despois do festival.Aqueles que queiran acudir ao Castelo Rock 2015 poderán adquirir o bono de dous días por 16 euros ou as entradas de cada día por 12 euros a través da web www.castelorock.com ou nos puntos de venda físicos.