O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo,
sinalou hoxe, na rolda de prensa do Consello, que o Goberno galego abriu aos concellos
o Portal de Interoperabilidade PasaXe!
para evitar que os cidadáns teñan que presentar os mesmos documentos na
administración autonómica e local.
Como lembrou Feijóo, dito portal permite o
intercambio de información entre as administracións, evitando ao cidadán
achegar documentación que xa obra en poder delas, ademais de unificar nun único
punto as relacións con outras administracións.
Segundo engadiu o titular da Xunta, nos
primeiros catro meses do ano rexistráronse preto de 130.000 consultas, “é
dicir, evitouse a petición de 130.000 documentos para 130.000 galegos ou
galegas que teñen unha relación coa Administración da Xunta”, matizou.
O mandatario galego especificou que PasaXe! permite consultar 30 tipos de
certificados, como o documento de identidade, o certificado de dependencia, da
renda, datos catastrais, títulos universitarios, os certificados de nacemento, de
matrimonio ou de defunción ou a alta na Seguridade Social, entre outros. Trátase
de documentos achegados por 13 entidades distintas: ademais da propia Xunta, 11
organismos estatais (ministerios, Dirección Xeral da Policía...) e a Comunidade
autónoma de Navarra, a través dun convenio bilateral.
Neste senso, Feijóo sinalou que “a
colaboración entre os distintos departamentos e as distintas administracións é
a base desta plataforma, á que imos incorporar novas administracións e novos
servizos”.
Incorporación das entidades locais e novos servizos
Deste xeito, a Xunta vai poñer o portal a
disposición das entidades locais de xeito inmediato e xa neste mes
incorporaranse a Deputación da Coruña e os concellos de Abegondo e Laracha. Como sinalou o titular do Goberno galego, “o
obxectivo é que progresivamente se vaian sumando o conxunto das distintas administracións
locais”.
Por outra banda, Feijóo sinalou que está
prevista a aprobación dunha Orde que fixe as directrices para o intercambio de
datos, que potenciará a incorporación de novos servizos da Administración
autonómica á plataforma.
En todo caso, xa a curto prazo incorporaranse
novos servizos á plataforma, como os certificados de discapacidade; os de
familia numerosa; os documentos acreditativos de estar ao corrente nas débedas
coa Axencia Tributaria Galega; ou o certificado de parella de feito.
En resumo,
“seguimos impulsando un instrumento que é útil e que é beneficioso”, subliñou o
presidente da Xunta. Nesta liña, destacou que “é útil para a Administración”,
xa que o feito de que non se teñan que presentar constantemente os mesmos
papeis axiliza os trámites e reduce moita burocracia; “é útil para os
cidadáns”, que ven reducidas de forma moi notable cargas administrativas que
eran innecesarias; e “é beneficioso para todos”, xa que o obxectivo é “acadar un
millón de consultas” no ano 2016, polo tanto, “un millón de servizos”, o que posibilitará
“un aforro de cargas para os cidadáns” e tamén un aforro para a Administración
“de algo máis de cinco millóns de euros anuais”, especificou.