El Confidencial
radiolider Buscador de noticias buscar en google
José Manuel López García
Economí­a

PROGRAMA GALICIA 1000

Apoio as pemes

04-06-2015 20:40:55

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, avanzou hoxe que a achega da Xunta ao programa Galicia 1000, que ten como obxectivo “reforzar e apoiar as pemes e os emprendedores desde un punto de vista financeiro”, se incrementará nun 50% e que mobilizará 300 millóns en proxectos empresariais, tres veces máis ca o ano pasado.   

Este programa é parte da estratexia do Goberno galego para que “a recuperación económica teña máis ritmo”, un asunto “prioritario”, algo no que incidiu o presidente. Así, Galicia 1000 súmase a outras medidas como as rebaixas no prezo do solo empresarial e a redución dos trámites que xa recolle a Lei do Emprendedor. Este programa nace para dar resposta ás estreiteces financeiras que afrontaron as empresas durante os pasados anos, pois os seus recursos propios estaban debilitados e captalos nas entidades financeiras resultaba tamén complicado.   

Na pasada lexislatura, a Xunta concedeu “máis avais e préstamos que en tódalas lexislaturas anteriores xuntas, desde a aprobación do Estatuto de Autonomía en 1981”, recordou Feijóo. Nesa mesma liña, Galicia 1000 achega un financiamento “adaptado ao tamaño e ás necesidades concretas de cada empresa”.   

Os 300 millóns de euros que mobilizará o plan —dos cales a Xunta achega 75— axudarán a 1.100 empresas a “consolidar proxectos dos emprendedores e as pemes”, impulsar a súa internacionalización e xerar novos investimentos no sector industrial, na liña do plan Galicia - Industria 4.0.   


Ferramentas do plan 

“Queremos intentar axudar ao noso tecido produtivo autóctono cun plan realista, que conta con cinco ferramentas”, explicou o xefe do Executivo autonómico. 

.- Fondos de capital risco, que mobilizarán 40 millóns para potenciar as pemes e que estas gañen tamaño, con especial énfase no emprendemento industrial e innovador. 

.-  Préstamos Jeremie, que, como o lembrou Feijóo, son os préstamos “máis baratos do mercado”, pois teñen uns intereses do Euríbor + 0,1% a dez anos, cun ano de carencia. “Ningunha entidade financeira ofrece algo similar”, enfatizou. Estes préstamos teñen como obxectivo impulsar a competitividade das microempresas, que estas poidan investir en equipos, naves e maquinaria industrial para convertirse en pemes. 

.- Liñas de préstamos do Banco Europeo de Investimentos, que supoñen 20 millóns de euros destinados ao “fortalecemento da empresa galega e á proxección exterior das pemes”, explicou o presidente. Dentro da aposta da Xunta por reforzar especialmente o tecido industrial,  abrirase unha liña específica para o sector da automoción. 

.-  Bonificación nos tipos de interese que as pemes deben pagar polo seu financiamento. 

.-  Reforzar a solvencia das empresas galegas, acompañándoas cando van pedir financiamento. Mobilizaranse como avais ata cinco millóns de euros.   

O novo plan Galicia 1000 supón un salto cuantitativo fronte ao programa anterior, que mobilizou 100 millóns de euros (agora mobilízase o triplo) e cunha achega de 50 millóns de euros dos fondos públicos (no novo programa é un 50% máis). O anterior programa axudou a 946 empresas e colaborou no mantemento ou xeración de 12.000 postos de traballo.      





www.galiciadiario.com no se hará responsable de los comentarios de los lectores. Nuestro editor los revisará para evitar insultos u opiniones ofensivas. Gracias