O I Encontro Mundial en Galicia de Asociacións
de Amigos do Camiño chegou esta tarde á súa fin. Máis de trescentas cincuenta
persoas de vinte e oito países participaron nesta cita promovida por Turismo de
Galicia.
Nava Castro, directora de Turismo de Galicia,
foi a encargada de clausurar este encontro que posibilitou o contacto e debate
entre expertos das diferentes vías xacobeas e peregrinos dos cinco continentes.
A directora
de Turismo de Galicia destacou que este encontro tivo lugar nun ano clave para
Galicia e, en especial, para o fenómeno Xacobeo, xa que Galicia celebra o VIII
Centenario da Peregrinación de San Francisco de Asís a Compostela, “unha das máis
célebres peregrinacións a Santiago na Idade Media”.
Nava Castro
afirmou que este encontro internacional supuxo un foro de debate pero sobre
todo constituíu unha mostra de agradecemento a todas aquelas asociacións que co
seu intenso traballo impulsan día a día o Camiño de Santiago.
A directora de Turismo de Galicia valorou moi positivamente as xornadas xa
que “acolleron na capital de Galicia máis de 300 amantes do Camiño de Santiago
que achegaron diferentes ópticas provenientes de máis de 28 países repartidos
por todo o mundo”.
Así mesmo, Nava Castro resaltou o traballo incansable das Asociacións que
segundo afirmou “xoga un papel fundamental na revalorización e recuperación do
Camiño realizado e na súa difusión tanto a nivel nacional como internacional”.
“Anímoos a continuar esta gran labor de difusión, promoción e impulso do
Camiño porque cada un de vostedes conforma un pilar básico da peregrinación a Santiago
de Compostela”, concluíu Nava Castro.
Sesión técnicas
Nesta última
xornada do evento, Mª Ángeles Fernández Fernández, Presidenta da Federación
Española de Asociacións de Amigos do Camiño de Santiago, foi a encargada de moderar
a sesión "Relacións das Asociacións do Camiño coas institucións e a
sociedade". Na mesa interviñeron Juan Guerrero Gil, Presidente da Asociación
Xacobea de Málaga, Begoña Valdomar Insua, Presidenta da Asociación Galega de
Amigos do Camiño de Santiago (A.G.A.C.S), Tomoko Morioka, Presidenta da
Asociación de Amigos do Camiño en Xapón, e Katharina Maak, Tesoureira de
Jakobusgesellschaft Brandenburg-Oderregion e. V de Alemaña.
O segundo
bloque de debate, sobre "As Asociacións Xacobeas: retos do presente e
orientacións de futuro", foi presidido por Cheryl Grasmoen, Presidente de
American Pilgrims on the Camino, asociación que conta con 34 delegacións nos
Estados Unidos, país que achega o maior número de peregrinos fóra de Europa.
Amosaron a
súa visión e propostas nesta ocasión Ana Paula Wanke, presidenta de Associaçao
Paranaense de Amigos do Caminho de Santiago- Curitigrinos en Brasil, Andree
Lombard, Presidente de CSJ of SA: Confraternity of Saint James of South Africa
en Sudáfrica, Janet Leitch, Presidenta de Australian Friends of the Camiño en
Australia, Juan Carlos Pérez, Presidente da Asociación de Amigos do Camiño de
Santiago de Astorga e a súa Bisbarra, e Jaime Oller Figueras, Presidente da
Associació D'amics Do Camí De Sant Jaume de Girona.
Como broche
de ouro ao encontro, os asistentes percorreron a pé o último tramo do Camiño de
Santiago, para máis tarde participar nun acto de homenaxe no antigo cemiterio
de peregrinos e asistir a unha misa na Catedral na que puideron gozar do
espectáculo dos "tiraboleiros" facendo voar o Botafumeiro.
Para rematar
o día e como última actividade da cita, os peregrinos e os representantes das
Asociacións asistiron a unha cea temática sobre o Camiño de Santiago no Hostal
Reis Católicos.