O Consello
Galego de Cooperativas estará presente na
38ª Feira Internacional Semana Verde de Galicia, dentro do 19º Salón de
Alimentación del Atlántico, ‘SALIMAT 2015’, que se celebrará do 11 ao 14 de xuño
no recinto feiral de Silleda.
No stand
institucional participarán diversas sociedades representativas do sector
cooperativo galego que exporán os seus produtos co obxectivo de impulsar as
relacións institucionais na Eurorrexión e mellorar a promoción e a
comercialización.
En concreto,
acudirán as 14 seguintes cooperativas galegas: Productores del Campo de Capela,
Condado Paradanta, Mel Flor do Xallas, Verín-Biocoop, Vicogalo, Monte Cabalar,
Cogal, Pulponor, Anaco, Hortoflor, Bodegas Eidosela, B.C. Jesús Nazareno, Viña
Moraima y B.C. Virgen de las Viñas.
Cómpre
destacar que este ano contarase cun apartado específico dedicado á Rede Eusumo
para o fomento do cooperativismo e a economía social, concentrado especialmente
no apoio á creación de emprego e ao impulso dos servizos de información e
asesoramento.
Doutra
banda, as cooperativas expositoras tamén poderán asistir aos ‘Encontros
Internacionais de Negocio’ que terán lugar os días 11 e 12, o que lles permitirá
contactar de forma planificada coa distribución alimentaria, tanto española
como doutros países, con grande atractivo comercial. Darán a oportunidade de
abrir mercados no exterior a través de reunións con importadores con interese
real nos produtos.
Finalmente,
o venres 12, a partir das 11,00 horas, celebrarase unha xornada técnica baixo o
título ‘Cooperativas: abrindo mercados’, na que se fará un resumo dos
resultados acadados polo proxecto Coopera+. Trataranse tamén os novos retos da
comercialización e internacionalización das cooperativas e as novas
perspectivas de financiamento comunitario.
Este
proxecto persegue promover o sector da economía social en todo o territorio da
Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal e impulsar a súa presenza destacada no
mesmo, priorizando as accións de formación, divulgación e asesoramento para o
autoemprego colectivo.
A iniciativa
está promovida pola Dirección Xeral de Traballo e Economía Social, xunto con
outros catro socios: Associação de Desenvolvimento da Região do Alto Tâmega, a
Cámara de Comercio de Vigo, a Associação Empresarial de Viana do Castelo e a
Universidade Católica Portuguesa.