El Confidencial
radiolider Buscador de noticias buscar en google
José Manuel López García
Sociedad

Galicia, líder en bandeiras azuis

08-06-2015 21:19:16

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, destacou hoxe que Galicia inicia a tempada estival con boas perspectivas turísticas, ao ser líder en bandeiras azuis e a segunda autonomía con máis ‘Q de Calidade’.   

Durante o acto de entrega das Bandeiras Azuis 2015, Feijóo afirmou que hoxe a Comunidade recolle 183 distintivos: “183 puntos sinalados no mapa por ser exemplo de sustentabilidade, de biodiversidade  e de respecto polo medio ambiente; e 183 motivos que converten esta terra na Autonomía que maior esforzo está a realizar por conxugar equilibradamente turismo, ocio e natureza”.     

Máis polo miúdo, precisou que estes distintivos son para 131 praias, 8 máis que o ano pasado, repartidas por 40 concellos; para 19 portos deportivos -9 na provincia de Pontevedra, 8 na Coruña e 2 en Lugo-; para os mesmos 14 centros azuis que xa contaban con este recoñecemento o pasado ano –do total de 62 que hai en España-; e para 16 sendeiros azuis –un máis que en 2014, o sendeiro litoral de Portonovo, en Sanxenxo-.   

Así mesmo, resaltou dous distintivos para dúas iniciativas temáticas: para o Concello de Ribadeo en materia e información e educación ambiental, e para o Club Náutico de Ares polo seu esforzo en ruptura de barreiras arquitectónicas e atención a persoas con necesidades especiais. “E, finalmente, como novidade, Galicia acadou este ano a primeira bandeira azul en augas interiores para a praia fluvial da Calzada, en Ponte Caldelas”, engadiu.   

O responsable do Goberno galego afirmou que todas estas bandeiras son garante da excelente calidade das augas; da súa seguridade; da completa dotación de servizos dos que dispón; da accesibilidade; da atinada xestión ambiental, e da sustentabilidade dos areais e das dársenas da contorna. “E fan que Galicia sexa a comunidade con maior número de bandeiras azuis,  acaparando o 22% das 577 que ondean en praias de todo o país”, dixo, ao que engadiu que Sanxenxo volve repetir como o concello galego con máis bandeiras azuis, ao contar con 12 praias distinguidas con este recoñecemento, seguido de Cangas do Morrazo, que conserva as 10 do pasado ano.   


Por provinciais, A Coruña acadou 50, Lugo 22 e Pontevedra 59, contando a praia fluvial de Ponte Caldelas.   

Durante a súa intervención, Feijóo resaltou tamén que a Comunidade galega é a segunda de toda España en recibir unha bandeira azul para augas interiores. “E, ademais, somos a primeira autonomía con máis sendeiros azuis recoñecidos; e a segunda, despois de Cataluña, en número de portos deportivos galardoados”.   


O compromiso dos galegos cos recursos naturais 

Pola súa banda, a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, Ethel Vázquez, indicou que neste Día Mundial dos Océanos cómpre ver nas bandeiras azuis un logro económico, ambiental e da capacidade de cooperación de todos os galegos.   

Para Vázquez, este recoñecemento é una boa proba do compromiso dos galegos co coidado dos recursos naturais. Segundo engadiu, trátase dun compromiso deste Goberno do que hai exemplos como a entrada en funcionamento, no pasado mes de marzo, da depuradora de Corrubedo; ou a posta en marcha das obras da depuradora de Ribeira, que son posibles grazas á colaboración entre as diferentes administracións públicas.   


Galicia como destino turístico 

Por outra parte, o presidente do Executivo galego lembrou que a Xunta vén traballando por que o turismo galego non aspire a ser un simple destino de masas; senón, a deseñar unha oferta diversa e baseada naquilo que nos fai diferentes e únicos: a natureza, a materia prima, a cultura, a esencia do autóctono.   

Nesta mesma liña, recordou que Galicia acaba de ser recoñecida tamén como a segunda autonomía con máis distintivos Q de calidade nos seus establecementos turísticos. Moitos deles, no eido do turismo rural, o termalismo, o turismo industrial, activo ou náutico e os de lecer nocturno.   

Como resposta a este esforzo que empresas e Administración están a realizar, Feijóo referiuse ás seguintes cifras: as case 800.000 persoas que se hospedaron en Galicia entre xaneiro e abril de 2015, a cifra de viaxeiros aloxados máis alta dos últimos cinco anos; o feito de que, neste mesmo período, subisen as pernoitas un 7,1% ata acadar preto do millón e medio; e que, ata abril, foron 5.000 peregrinos máis os que recolleron en Santiago a compostela en relación aos mesmos meses do pasado ano.





www.galiciadiario.com no se hará responsable de los comentarios de los lectores. Nuestro editor los revisará para evitar insultos u opiniones ofensivas. Gracias