O Consello da Xunta deu hoxe o visto e prace
definitivo ao Plan de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia
(Pladiga) do ano 2015, que ten como obxectivo “evitar o máximo número posible
de lumes e reducir ao máximo os danos ocasionados polos que se poidan producir”,
segundo explicou o presidente, Alberto Núñez Feijóo. Este plan xa foi
presentado no seu día pola Conselleira do Medio Rural e do Mar, Rosa Quintana,
ao Consello Forestal.
“Mantemos o dispositivo de vixilancia e
extinción do ano pasado -detallou Feijóo-, formado por 7.000 efectivos”. Deles,
5.767 persoas estarán directamente contratadas pola Xunta, ás que se suma o
persoal do Ministerio, do Exército e dos Corpos e Forzas de Seguridade do
Estado.
Respecto dos medios materiais, o dispositivo
antiincendios contará con 32 medios aéreos, entre os propios da Xunta e os que
achega o Estado; e 360 motobombas da Administración autonómica, os Concellos e
os parques de bombeiros adscritos ao plan.
Este Pladiga 2015 adáptase ao Plan especial de
Protección Civil ante emerxencias por incendios forestais, aprobado polo
Goberno, e “redefine as situacións operativas de emerxencia que deben
contemplar os plans”, dixo o presidente do Executivo autonómico.
Sensibilización contra o lume
O presidente da Xunta tamén recalcou que o
Pladiga afonda “nun dos apartados que máis se precisa en materia forestal, que
é a concienciación: sermos conscientes de que están a queimar Galicia, de que
están a queimar o noso presente e o noso futuro”.
Así, a Xunta adquire o compromiso de manter e
reforzar os programas de concienciación, especialmente das persoas máis novas.
Feijóo subliñou que, este curso, máis de 11.000 estudantes de primaria e
secundaria recibiron impartidas polo persoal dos Distritos Forestais, tanto
para explicarlles os distintos valores que ten o monte, a nivel económico,
social e ambiental como para sensibilizar aos máis pequenos sobre a
problemática dos incendios forestais e os seus efectos negativos, deixando
claro que “os lumes hai que eliminalos e que os lumes son un problema para
todos.
De xeito complementario, tamén se
desenvolveron programas como ‘O Monte Vivo’ e ‘Montentérate’, no que
participaron máis de 600 alumnos. Son actividades formativas, destinadas a
fomentar a innovación educativa, que desenvolven de xeito paralelo a educación
en valores.
“En definitiva, configuramos o dispositivo
contra incendios, que está operativo todo o ano. Hai razóns polas que actuamos
en todas as frontes necesarias: prevención; detección, disuasión e
investigación; e extinción”, resumiu Feijóo.