O Diario Oficial de Galicia publica mañá a orde que
regula o Programa de mobilidade transnacional xuvenil ‘Galeuropa’ con cargo ao
Programa Operativo de Emprego Xuvenil, e a súa convocatoria para o ano 2015.
A orde,
dotada con preto dun millón de euros, enmárcase dentro do Programa Operativo de
Emprego Xuvenil cofinanciado pola
Iniciativa de Emprego Xuvenil e o Fondo Social Europeo e ten por obxecto a
concesión de axudas para proxectos neste eido dirixidos a mozos e mozas menores
de 25 anos, ou de menos de 30 se teñen un grao de discapacidade igual ou
superior ao 33%. O obxectivo é a realización de prácticas formativas non
remuneradas en entidades ou empresas públicas ou privadas de 31 países
europeos.
Esta
convocatoria, que prevé beneficiar este ano a 500 mozos e mozas galegos,
responde ao traballo en rede de distintas entidades de países europeos e está liderada
polo Ministerio de Traballo e Asuntos Sociais de Alemaña. Poderán realizarse
nos seguintes países: Lituania, Hungría, Letonia, Estonia, Turquía, R. Checa,
Croacia, Eslovenia, Bulgaria, Romanía, Portugal, Eslovaquia, Malta, Grecia, Bélxica,
Luxemburgo, Chipre, Alemaña, Austria, Países Baixos, Italia, Polonia, Francia,
Islandia, Suecia, Finlandia, Liechtenstein, Irlanda, Reino Unido, Dinamarca e
Noruega.
Preténdese
promover e axudar a financiar á mobilidade da mocidade galega, ben directamente
concedendo axudas individuais aos mozos e mozas participantes ou ben mediante
concesión de axudas a proxectos de entidades sen ánimo de lucro que desenvolvan
actividades no eido da xuventude e concellos.
A finalidade
do programa é reforzar a empregabilidade e as competencias profesionais dos
mozos, contribuíndo á mellora da súa formación mediante a adquisición de
experiencia profesional para a súa incorporación ao mercado de traballo, ao
tempo que se apoia a adquisición de competencias en idiomas estranxeiros.
Prazo de solicitudes
O prazo de
solicitudes será dun mes desde o martes. A duración das prácticas formativas
será de dous meses consecutivos, no caso de axudas individuais a mozos e mozas;
e mínimo de dous meses e máximo de tres meses consecutivos para axudas a
proxectos presentados por entidades sen ánimo de lucro e por entidades locais
ou agrupacións de entidades locais, sempre antes do 30 de novembro de este ano.
De
conformidade co Plan de Emprego Xuvenil, a mobilidade, tanto nacional como
europea, pode constituír un elemento fundamental na formación dos mozos e
mozas, tanto pola experiencia adquirida como polo apoio que pode supoñer na
aprendizaxe dun idioma estranxeiro. Desta maneira, pode aportar un valor
engadido á formación permanente dos mozos e a súa traxectoria profesional e
proporcionarlle máis oportunidades de emprego.