Arteixo (A Coruña).- O presidente do Goberno
galego, Alberto Núñez Feijóo, ratificou hoxe a aposta da Xunta por seguir
baixando impostos e, nesta liña, avanzou a aprobación no vindeiro Consello da
Xunta dunha nova reducción dos valores medios que gravan os bens inmobles
urbanos. Deste xeito, ás rebaixas aprobadas nos últimos anos sumarase outra
nova, que volverá a reducir os impostos sobre os bens inmobles, tanto
intervivos como mortis causa.
Con esta iniciativa,
Feijóo constatou deste xeito que a baixada de impostos é a liña que seguiu
neste últimos anos e seguirá o Goberno galego. “É a liña na que cremos e é a
liña na que seguiremos, toda vez que a economía se está poñendo en situación de
que poidamos facer revisións da nosa política fiscal nos vindeiros exercicios”,
incidiu.
Durante o III Foro Peme
Galicia ‘Realidades e Retos das Pemes’ e a entrega dos Premios Mi Negocio 2015,
subliñou que un dos principais pesos, e por tanto, un dos principais méritos da
recuperación lévano persoas como os participantes nestes dous actos: “Galegas e
galegos fundadores ou xestores de proxectos que demostran a aptitude empresarial
que existe na nosa terra”.
“Sodes unha referencia de
competitividade, porque cada día loitades por abrirvos a novos procesos, a
novos mercados, a novas ideas”, dixo, ao que engadiu que, ademais da rebaixa de
impostos e lonxe de levantar muros, o Goberno galego puxo en marcha a Lei do
Emprendedor, para garantir menos trabas e menos custos aos que queiran poñer en
marcha un negocio.
Así mesmo, afirmou que os
emprendedores son tamén unha referencia de innovación; “e a Xunta seguirá
utilizando ao máximo todos os instrumentos para iso”, garantiu, referíndose aos
Programas Interconecta, ás liñas de apoio directo aos Centros Tecnolóxicos ou á
posta en marcha de Unidades Mixtas de Innovación en sectores estratéxicos para
a economía galega. “E sodes, -proseguiu-, unha referencia de
internacionalización, como proban os datos das exportacións”.
Estabilidade dinámica
Ademais de referirse ao
papel das pemes na recuperación económica, ao longo do seu discurso, Feijóo
reflexionou tamén sobre o papel que as administracións deben ter neste
contexto. E, sobre este punto afirmou que o Goberno galego sigue avogando por
unha Galicia segura, “que non é o mesmo que unha Galicia inmóbil”, dixo, ao que
precisou que a estabilidade dinámica é o que caracteriza á clase emprendedora
galega, “e o seu exemplo –abundou- merece ser seguido”.
Nesta liña, expresou o
desexo de que os que se incorporan ás tarefas de goberno esperten cada día
pensando “no que teñen que facer”, e non soamente “no que lles gustaría dicir”;
“porque os cambios en parte da tripulación non poden supoñer que se volva á
deriva anterior”, asegurou. “España e Galicia evitaron o impacto co iceberg,
pero o cambio de rumbo é lento, sen que esa lentitude signifique que está
errado”.
O titular do Executivo autonómico
aseverou que a Xunta sempre terá a man tendida para dialogar e colaborar:
“Detrás de calquera alcalde ou presidente de Deputación, nunca veremos siglas
senón persoas que merecen ser administradas con eficiencia, coa coordinación de
todos os gobernos”, incidiu.
Ao longo da súa
intervención, o responsable autonómico expresou tamén a súa confianza no marco
europeo como estabilizador. “Europa presérvanos contra as aventuras e, ao mesmo
tempo é unha lección para os que se impacientan pola demora nos efectos de
determinadas medidas económicas”, dixo, logo de resaltar que, se ben a
estabilidade, a convivencia política e o benestar do espacio europeo débese a
decisións e tratados que foron debatidos hai anos ou décadas, “é agora cando se
están cimentando a estabilidade, a convivencia e o benestar do futuro”.
Feijóo concluíu transmitindo
o agradecemento en nome do Goberno galego aos premiados, “pero tamén a todos
aqueles que igualmente apostan por Galicia; tanto aos que permanecen nela para
desenvolver unha idea de negocio, como aqueles que desde fóra traen
posibilidades de riqueza, oportunidades de emprego, en definitiva, opcións de
futuro”.