O portavoz
do Grupo Socialista, José Luis Méndez Romeu, confirmou hoxe que o secretario
xeral do PSdeG-PSOE, José Ramón Gómez Besteiro, será proposto polo Grupo
Socialista como senador por designación autonómica en substitución de Paula
Fernández. Así o dixo logo da Xunta de Portavoces que tivo lugar hoxe no Pazo
do Hórreo.
A próxima
semana terá lugar un Pleno Extraordinario, previsiblemente instantes antes do
Pleno ordinario que comeza o luns, no que será votada a proposta de Besteiro
como senador autonómico. Galicia conta con tres senadores designados polo
Parlamento, dos que dous son propostos polo PP como grupo maioritario e outro
polo PSdeG, principal grupo da oposición.
Méndez Romeu
salientou o “momento axeitado” para executar o relevo no Senado na persoa de
quen dirixe o PSdeG nas catro provincias galegas, así como fronte ao resto do
Estado e diante de tódalas institucións de Galicia. Advertiu “motivos de
abondo” para que quen ten esta posición interna teña tamén “unha presenza
institucional destacada e que todo o socialismo galego estea representado no
Senado”.
O
responsable socialista valorou tamén o desbloqueo da renovación en diversos
órganos institucionais, como é o Valedor do Pobo, por canto o actual titular
leva tres anos en funcións á espera dun novo nomeamento, ou o Consello de
Contas, funcionando con tan só 3 dos 5 representantes polo bloqueo do PP.
Tamén chamou
a iniciar “canto antes” a aplicación da Lei dos medios públicos, o que implica
o debate e aprobación do Mandato Marco e a remuda dos membros do Consello de
Dirección. Lei de
dignidade dos enfermos terminais
O Pleno
ordinario da próxima semana comezará co debate final da Lei de dereitos e
dignidade dos enfermos terminais, presentada e impulsada polos socialistas
galegos e que ven de acadar un amplo consenso logo do seu “traballo intenso e
construtivo” de tódolos grupos parlamentarios no debate en Ponencia e Comisión.
Méndez Romeu
salientou que a norma permitirá innovar o ordenamento xurídico galego, que
quedará situado “á vangarda” ao consolidar o respaldo aos profesionais
sanitarios que atenden ás persoas en situación terminal, uns doentes que grazas
a esta norma ven ordenado o seu sistema de dereitos e garantías.
O
responsable socialista lamentou que o grupo maioritario desestimara hoxe a
solicitude de habilitar o mes de xullo para celebrar sesións ordinarias de
Pleno e comisións na liña da proposta de reforma do Regulamento presentada
polos socialistas galegos.
Tampouco
estimaron oportuno apoiar as solicitudes de comparecencia presentadas polo
PSdeG, que reclamaba a presenza de Feijóo para dar conta da situación do
mercado de traballo galego. Si que terá lugar un debate sobre unha proposición
non de Lei do PSdeG para aumentar a cobertura de desemprego logo de que 40.000
galegos e galegas perderan as súas axudas ao quedar sen traballo.
Tamén
rexeitaron a comparecencia do goberno galego para dar conta da situación da
Fundación Camilo José Cela logo da imputación dos seus directivos e varios dos
membros do Padroado que hoxe ostentan cargos institucionais relevantes e do que
a día de hoxe “sorprendentemente ninguén ofreceu unha mínima explicación”. O
asunto será tratado sen embargo como pregunta oral no Pleno da próxima semana.
Libros de
texto
A pregunta
presentada polos socialistas ao presidente da Xunta na sesión de control do
Pleno do Parlamento centrarase na falla de equidade manifesta no modelo de
gratuidade parcial dos libros de texto imposto polo goberno galego logo de
desbotar o sistema de préstamo universal xeneralizado polo goberno de Touriño.
A educación
será un dos piares das diversas iniciativas presentadas polos socialistas
galegos, que incluirán unha proposición non de Lei para aumentar o Plan de
Financiamento Universitario de Galicia 2016-2020 para garantir a docencia e a
investigación nas universidades públicas. Tamén incorporarán unha pregunta oral
sobre os atrasos no financiamento para a posta en marcha da FP Básica.
O Grupo
Socialista levará unha moción dirixida a garantir un protocolo de atención ás
vítimas de violencia de xénero nos centros sanitarios para imposibilitar que se
repitan sucesos como o do asasinato dunha vítima a mans da súa parella mentres
estaba ingresada no Hospital de Ourense recuperándose dunha agresión previa.
As
interpelacións presentadas polos socialistas no próximo Pleno centraranse na
situación precaria do sistema de servizos sociais prestados polos concellos e
reclamar medidas executivas para garantir un sistema sostible e estable. A
segunda interpelación analizará os resultados das políticas locais logo de 6
anos de incumprimentos por parte do goberno autonómico.