O presidente do Goberno galego,
Alberto Núñez Feijóo, destacou hoxe na rolda de prensa posterior ao Consello
que a Xunta pechará acordos coas entidades de crédito co fin de paralizar os
desaloxos por execucións hipotecarias e de dedicar vivendas baleiras a
alugueiros sociais. Segundo sinalou, “o obxectivo é
dar as máximas facilidades de acceso a unha casa ás familias galegas en función
das súas circunstancias”.
Como destacou o mandatario
galego, o proceso de negociación con distintas entidades financeiras ten dado
resultados satisfactorios que hoxe se concretaron nun convenio de colaboración
autorizado polo Consello da Xunta e que será sometido á sinatura das entidades
que o consideren oportuno.
Segundo engadiu o mandatario
galego, os obxectivos deste acordo son tentar que, nos casos de desaloxos por
impagamento de hipoteca, as familias permanezan prioritariamente e preferentemente
na mesma vivenda e garantir tamén que un paquete importante das vivendas
baleiras coas que contan as entidades poidan empregarse para dar cobertura a
familias desafiuzadas por impagamento do alugueiro.
Para lograr isto, o procedemento
acordado coas entidades financeiras é que nos casos de desaloxos por execución
hipotecaria que afecten a familias cunha renda inferior a ata 4 veces o
IPREM–en función das cargas familiares-, a entidade comprométese a dar traslado
inmediato á Administración autonómica e a non facelo efectivo ata que se chegue
a unha solución entre a Administración autonómica e a familia. Para que isto
sexa posible, a familia poderá continuar no inmoble durante un período dun ano,
prorrogable ata tres, baixo un réxime de arrendamento social, cun custe de 0 a
75 euros en función das rendas e das cargas familiares.
No relativo ao segundo obxectivo,
desaloxos por impagamento de alugueiro, as entidades financeiras comprométense
a poñer a disposición da Xunta unha parte do seu parque de vivendas baleiras,
das que existirán no Rexistro de Vivendas Baleiras. Trátase de dedicar estes
inmobles tanto aos afectados por un desaloxo por impagamento do alugueiro, como
a aquelas familias con menos ingresos, tamén baixo o réxime de alugueiro social
que vai de 0 a 125 euros e que se pechará en función da situación dos afectados
e das súas cargas familiares.
Trátase, por tanto, dun “procedemento
co que quedaría pechado o risco de que unha familia poida quedar sen vivenda
por razóns económicas sobrevidas”, aseverou o presidente da Xunta, engadindo
que se tentará asinar o acordo con cada unha das entidades financeiras no prazo
máis breve posible.
Galicia, unha das comunidades con menor número de desaloxos
por impagamentos
Como lembrou Feijóo, desde o
inicio desta lexislatura, o Goberno galego está a poñer en marcha distintas
medidas para dar resposta ás situacións de maior vulnerabilidade no que ao
acceso á vivenda se refire, con especial atención aos desaloxados por
impagamento de hipotecas e por impagamento de alugueiro da renda mensual.
Desde o inicio da lexislatura
estamos traballando con distintas medidas por iso estamos dentro da banda baixa
con respecto ao conxunto das comunidades en canto ao número de desaloxos por
impagamento de hipoteca.
Neste senso, fixo alusión aos
Programas Reconduce e Realoxa, que axudaron ás máis de 300 familias que se
teñen achegado á Administración a buscar solucións. Do mesmo xeito, recordou
que Galicia foi a primeira comunidade en asinar un convenio co Consello Xeral
do Poder Xudicial para coordinarse nos casos de desaloxos nos que se detecten
supostos de vulnerabilidade.
Trátase de medidas que, segundo
explicou o mandatario galego, complementaron ás adoptadas a nivel estatal e
tiveron “un impacto innegable”, toda vez que os desaloxos en Galicia baixaron
ao longo dos últimos anos e “están moi por debaixo da media nacional”.
Como engadiu, con esta vontade,
nos últimos días tomáronse varias decisións como ampliar as prestacións dos
Programas Reconduce e Realoxa tamén ás persoas en risco de desaloxo por falta
de pagamento do alugueiro e iniciáronse os trámites para crear un Rexistro de
Vivendas Baleiras.
“Queremos seguir tomando medidas
para despexar calquera risco posible que poida deixar a unha familia galega sen
casa por motivos económicos”, sinalou o titular da Xunta.