El Confidencial
radiolider Buscador de noticias buscar en google
José Manuel López García
Economí­a

TAXAS UNIVERSITARIAS

Galicia segue sendo a comunidade española coas taxas máis baixas

18-06-2015 23:07:41

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, confirmou hoxe que Galicia será no curso 2015/16, un ano máis, a Comunidade coas taxas universitarias máis baixas de España, despois de que o Consello da Xunta decidise que as taxas das matrículas de grao e máster sigan conxeladas.   

Galicia é “a Comunidade máis accesible para que os pais poidan mandar os seus fillos e fillas a estudar nas universidades”, tal e como recalcou o presidente. A conxelación das taxas supón un aforro total duns 20 millóns de euros ás familias, posto que “arredor de 64.000 alumnas e alumnos poderán continuar os seus estudos no curso 2015/16 sen pagar un euro máis ca en cursos anteriores”.   

“Queremos que a Educación pública sexa máis competitiva, pero tamén máis accesible”, subliñou Feijóo na rolda de prensa posterior ao Consello da Xunta. Recordou tamén que as taxas universitarias levan conxeladas tódolos cursos desde o 2009/2010 ao principio na primeira matrícula e despois na totalidade das taxas.   

Así, o prezo medio das primeiras matrículas de grao —que supoñen un 84% do total— mantense en 11,89 euros por crédito. “É o máis baixo de España e está a moita distancia, por exemplo, dos 33 euros por crédito que cobran as universidades catalanas”, dixo o xefe do Executivo autonómico. Respecto das matrículas de máster, teñen un prezo medio de 26,4 euros por crédito, fronte aos 65,8 euros da universidade catalana. “É tres veces máis barato estudar en Galicia ca noutras universidades, principalmente as madrileñas e as catalás”, concluíu Feijóo.   

Política activa de apoio ao estudantado 

 Ademais de continuar coa conxelación das taxas universitarias, a Xunta tamén dispón dunha liña de axudas para o inicio e continuación dos estudos daqueles universitarios que non cumpran os requisitos académicos adicionais que esixe o Ministerio de Educación.   

Outra liña de axudas que o Goberno autonómico pon á disposición da comunidade universitaria é a destinada á cobertura de imprevistos durante o curso académico, por exemplo, que algún dos membros da familia caia no paro.   

“Queremos que en Galicia ninguén quede fóra da universidade por un problema económico”, afirmou o presidente da Xunta, ao tempo que definiu a combinación da conxelación das taxas e políticas activas de apoio como “unha mestura de política social e educativa”. A Xunta fai, así, unha aposta contundente polo coñecemento das xeracións vindeiras.





www.galiciadiario.com no se hará responsable de los comentarios de los lectores. Nuestro editor los revisará para evitar insultos u opiniones ofensivas. Gracias