O Parlamento
de Galicia aprobou hoxe por unanimidade a Lei de Dereitos e Garantías da
Dignidade dos Enfermos Terminais, unha iniciativa impulsada polos socialistas
galegos que sitúa a Galicia “á vangarda nas garantías dos dereitos das
persoas”.
“Esta lei
amplía os dereitos e liberdades para vivir e morrer, a política ten que
facilitar que as persoas vivamos con dignidade e teñamos o dereito a morrer sen
dor e sen angustia”, asegurou no pleno a portavoz de Sanidade do PSdeG na
Cámara, Carmen Acuña.
A deputada
socialista explicou que o obxectivo último da norma é recoñecer os dereitos e
recoñecer a dignidade de tódalas persoas “morran onde morran, teñan a idade que
teñan e sexa pola razón que sexa”. A norma cubre un baleiro legal co que se
enfrontaban médicos e pacientes nestes casos, que os situaba moi preto da
clandestinidade.
Esta Lei,
“necesaria para a cidadanía”, garante o remate da vida “sen dor, sen angustia,
sen ansiedade e en paz” e obriga á administración a “garantir os coidados
paliativos a tódalas persoas por igual”. Acuña salientou que a norma galega
incluirá un “espazo digno” para estas persoas ao incluír a garantía a dispor
dunha habitación individual nestes casos salvo situacións excepcionais.
A deputada
socialista dixo que o texto acordado é o resultado dun “traballo plural,
dialogante e tolerante, moito mellor que o orixinal”, e garante a obriga para o
sistema sanitario público de “ofertar, facilitar e prestar esta atención por
igual en todo o territorio”.
A lei,
resumiu, recolle os dereitos das persoas en situación terminal e tamén das
persoas que as acompañan, así como as garantías sobre o espazo no que son atendidas
e inclúe os “dereitos e deberes dos profesionais”.
A
responsable socialista explicou que a Lei mellora a calidade da morte de
tódalas persoas a través dun texto “avanzado, moderno e respectuoso” que supón
“o comezo, o primeiro paso na dignificación da morte”.
O
texto consolida os dereitos dos enfermos terminais á información, á
confidencialidade, á elección sobre a continuidade co suposto tratamento, ao
rexistro da súa decisión, ao trato digno, á aplicación de coidados paliativos
ou ao tratamento acaído da dor. A norma da seguridade aos profesionais sanitarios
a ter un marco legal que ampare os coidados que xa están a aplicar.
O de hoxe
trátase dun primeiro paso importante na defensa dos dereitos das persoas ao
remate da súa vida que ten como obxectivo final aprobar unha Lei estatal que
determine unha carteira de servizos mínimos no Sistema Nacional de Saúde.