A Coruña.- O Centro Galego de Artes da Imaxe (CGAI-Filmoteca de Galicia) programa
na súa sala da Coruña dúas xornadas dedicadas ao director israelí Nadav Lapid,
coas que entra na recta final da súa temporada 2014-15. Durante este período,
acolleu a proxección de máis de 300 títulos nun total de 308 sesións
cinematográficas, desenvolvidas á súa vez en 185 días de programación desde
mediados de setembro.
O centro da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria
seleccionou para o especial sobre Lapid (Tel
Aviv, 1975) as dúas longametraxes que situaron este novo creador
como un dos máis brillantes da súa xeración. Así, mañá xoves poderá verse a
premiada ‘Policía en Israel’ (2011), merecedora do premio especial do xurado no
Festival de Locarno e dos galardóns á mellor película e á mellor dirección no
Bafici de Bos Aires.
Tras esta fita, na que o realizador israelí ofrece unha lección de
cinema político e do manexo da ironía e a violencia, o CGAI exhibirá o venres
26 ‘La profesora de parvulario’, unha historia de suspense arredor dunha mestra
que protexe un dos seus alumnos, no que detecta un prodixioso don para a poesía. Ambas as
películas proxectaranse en sesión dobre, ás 18.00 e ás 20.30 horas.
Off Galicia e
Miklos Jancsó
Xa como derradeiras citas da carteleira, a filmoteca galega acollerá este
sábado 27 unha nova entrega da sección Off Galicia, centrada desta volta na
presentación das curtametraxes realizadas polos alumnos da Escola Oficial de
Idiomas da Coruña, mentres que o martes 30 terá lugar a última proxección do
ciclo que o CGAI vén dedicándolle desde primeiros de mes ao director húngaro
Miklos Jancsó. A longametraxe ‘La confrontación’, arredor
do asalto a un centro relixioso e a posterior pugna entre estudantes marxistas
e seminaristas, clausura este especial, ao tempo que pon punto e final á
temporada 2014-15 na Filmoteca de Galicia.
Durante este período, o CGAI avanzou na difusión entre o público
galego de destacados títulos do cinema independente e experimental
internacional, a través de ciclos como Fóra de Serie ou Desencadres, así como de
novos proxectos e traballos de realizadores galegos nos sábados de Off Galicia.
Esta temporada tivo un especial protagonismo, ademais, a conmemoración do
vixésimo quinto aniversario da estrea das tres primeiras longametraxes galegas
(‘Continental’, ‘Urxa’ e ‘Sempre Xonxa’) a través dun ciclo que recuperou para
o público algúns dos traballos máis emblemáticos destes últimos 25 anos do
audiovisual galego.
Encontros con cineastas
Así mesmo, o
CGAI ofreceulles aos espectadores a posibilidade de participar en diferentes encontros
con cineastas emerxentes e consagrados do panorama internacional e estatal.
Neste sentido, contouse coa presenza na Coruña de grandes figuras da vangarda
mundial, como Mike Hoolboom, James Benning e Ken Jacobs, ademais de coas presentacións de Paulino
Vitoa e Adolpho Arrieta.
A sala
coruñesa retomará a súa actividade en setembro coas seccións habituais e con novos
ciclos, como os que durante a temporada que agora remata achegáronlles aos
espectadores moi diferentes temáticas e realizadores. Así por exemplo, as
restauracións de filmes de Buster Keaton e Satyajit Ray, as retrospectivas de
Marlen Khutsiyev, Heinz Emigholz, Gregory J. Markopoulos e Claire Simon; as
relacións do cinema coa actualidade xornalística e coa pintura, o centenario de
Orson Welles e a I Guerra Mundial foron obxecto de cadansúa sección específica
na programación que o CGAI desenvolveu desde o pasado mes de setembro.
En canto á
formación e difusión audiovisual entre os espectadores máis novos, ademais da
nova entrega do ciclo CGAI Júnior, o Centro Galego de Artes da Imaxe volveuse
encargar da coordinación en Galicia dos programas pedagóxicos internacionais
Cine en Curso e Fotografía en Curso.