Ademais das axudas que a Xunta ten posto en
marcha para a adquisición dos libros de texto, o presidente do Goberno galego,
Alberto Núñez Feijóo, destacou hoxe unha nova liña de axudas para a adquisición
de material escolar. “Proseguimos co desenvolvemento do Plan Social contra a
Desigualdade Económica e damos un paso máis poñendo a disposición das familias
con menos recursos unha nova liña de axudas para a adquisición de material
escolar, que suporá para os beneficiarios un cheque de 50 euros por alumno e que
se poderá canxear en calquera libraría”, aseverou.
Durante a rolda de prensa do Consello, o
titular da Xunta precisou que esta iniciativa estará dirixida a familias cunha
renda per cápita inferior a 5.400 euros anuais por cada membro da unidade
familiar. Logo de incidir en que se trata dunha axuda
por alumno e non por familia, Feijóo subliñou que esta orde, da que se poderán
beneficiar entre 60.000 e 70.000 nenos, será tramitada con carácter inmediato, “de xeito que na primeira semana
de setembro estaremos en condicións de que as familias fagan as súas solicitudes
para que os cheques poidan empregarse xa no próximo curso escolar 2015/16”.
Feijóo afirmou que o Goberno galego seguirá
traballando no eido da Educación para ampliar as axudas ás familias máis
vulnerables. “Dentro deste Plan social de loita contra a desigualdade imos
seguir apoiando con maior intensidade ás familias con ingresos máis baixos. E,
no caso da educación, ademais dos libros de texto incorporamos as axudas para
material escolar”, concluíu.