O presidente
de Sogama, Javier Domínguez Lino, recolleu onte, día 26, en Oviedo, o premio
Cantábrico Excelente 2015, un galardón concedido á empresa pública na
modalidade de xestión medioambiental e que pon de relevo o labor que a sociedade,
participada no 51% pola Xunta de Galicia e no 49% restante polo grupo Gas
Natural, leva a cabo a través da correcta xestión e tratamento dos residuos
urbanos producidos por 295 concellos galegos.
No
transcurso da súa intervención, Domínguez Lino agradeceu ao xurado a concesión
deste premio a unha empresa pública que traballa “polo benestar e a calidade de
vida de todos os galegos”. O xurado
tivo en conta o cometido industrial de
Sogama e a súa infraestrutura, plenamente adaptada ás particularidades de
Galicia, tanto a nivel xeográfico como orográfico e de dispersión de poboación.
Así mesmo, valorou de forma positiva o seu carácter global, toda vez que atende
ao conxunto da comunidade, e integral, dando cumprimento á normativa vixente e
á estratexia xerarquizada de residuos, xa que complementa a aplicación do
principio comunitario dos tres erres (redución, reutilización e reciclaxe), cun
cuarto erre, o da recuperación enerxética da fracción non reciclable, relegando
o vertido a último lugar.
Tamén se
destaca o seu carácter solidario, pois aplica o mesmo prezo a todos os
concellos adheridos ao seu modelo, con independencia da distancia ao centro de
tratamento, prestando o seu servizo en igualdade de condicións.
As
ambiciosas medidas de protección ambiental constitúen outro dos seus avais,
permitíndolle levar a cabo unha tarefa absolutamente respectuosa co medio
ambiente e a saúde pública. De feito, a empresa, a través das mellores
tecnoloxías dispoñibles, garante que as súas emisións se atopen en todo momento
moi por baixo dos límites legais. Así o corroboran as medicións en continuo da
meirande parte dos parámetros.
Sogama
aborda agora a ampliación das súas instalacións a través da posta en marcha
dunha planta de recuperación dos envases contidos no lixo en masa, pretendendo
con isto incrementar a súa achega á reciclaxe e cumprir cos obxectivos europeos
previstos para o ano 2020, que esixen o reciclado de, alomenos, o 50% dos
residuos. Tamén construirá unha planta de compostaxe industrial para o
tratamento da fracción orgánica. Ambas actuacións suporán un investimento
aproximado de 32 millóns de euros.
Recoñecemento
europeo
Tras anos de
actividade, a Sociedade Galega do Medio Ambiente chegou a converterse nun
referente europeo. E como exemplo, o informe ex post, feito público no ano
2012, e que no seu momento encargou a Comisión Europea, a través da Unidade de
Avaliación da Dirección Xeral de Política Rexional, a un consorcio independente
de consultoras, acreditando o seu equipo técnico os beneficios que a compañía
ten para o medio ambiente, a economía e a cohesión social.
Mentres que
desde a dimensión ambiental subliñouse a súa contribución ao peche dos
vertedoiros incontrolados e ilegais, e a adopción dunha tecnoloxía de
valorización enerxética respectuosa coa contorna natural, a nivel económico
incidiuse na creación de emprego, a produción e venda de electricidade, co
conseguinte aforro de combustibles fósiles, a contribución ao mercado da
reciclaxe e o desenvolvemento do capital humano.
Neste
sentido, destacouse igualmente o esforzo da empresa en manter un alto nivel de
transparencia informativa e a súa significativa contribución á educación
ambiental da poboación galega, poñendo de relevo a importante función que a
Sociedade veu desempeñando na concienciación e sensibilización ambiental da
poboación a través de instrumentos tales como campañas específicas dirixidas a
distintos sectores, programa de visitas ás súas instalacións, ferramentas
didácticas e divulgativas de apoio, proxectos escolares e un longo etcétera de iniciativas.
Tamén foi
valorado o seu programa de compostaxe doméstica, ao que na actualidade están
adscritas máis de 150 entidades, entre elas un cento de concellos que viron no
mesmo unha forma de reducir a produción de residuos en orixe e pechar o ciclo
de reciclaxe dos mesmos, converténdoos nun abono natural con excelentes
propiedades para o solo. A día de hoxe, Sogama xa repartiu máis de 4.400
composteiros.
Ademais de
Sogama, no evento de Oviedo foron galardoadas compañías de Galicia, Asturias,
Cantabria e País Vasco que destacaron pola súa actividade no ámbito
empresarial, científico, industrial e comercial. Os premios
Cantábrico Excelente están organizados pola firma editora Suplementos e
Monográficos, S.L.