A Unesco aprobou hoxe a extensión do sitio Camiño de Santiago de Compostela, inscrito na súa Lista de Patrimonio Mundial en 1993, que pasa a chamarse Camiños de Santiago de Compostela: Camiño francés e camiños do Norte de España. A decisión foi tomada durante a 39 reunión do Comité do Patrimonio Mundial que se celebra na cidade alemá de Bonn.
Os
Camiños do Norte en Galicia
En concreto por Galicia transitan dúas das
catro rutas: o Camiño da Costa, que comunica a cornixa Cantábrica con
Compostela, e o Camiño Primitivo. Ademais, abarca singularmente catro
monumentos: a Muralla e a Catedral lucenses, a Catedral mindoniense e o Mosteiro de Sobrado dos Monxes.
O Camiño do Norte, procedente de Asturias, ten
dúas variantes, a coñecida como ruta da Costa e a ruta do Interior, que é a que
se corresponde co Camiño Primitivo ou Camiño de Ovedo. O trazado deste camiño,
ao seu paso por Galicia, discorre por un total de 9 concellos: A Fonsagrada,
Baleira, Castroverde, Lugo, Guntín, Friol, Palas de Rei, Toques e Melide, onde
finalmente entronca coa ruta principal do Camiño de Santiago: o Camiño Francés.
Pola súa banda, o Camiño da Costa discorre por
un total de 16 concellos, en contreto falamos de Ribadeo, Barreiros, Trabada,
Lourenzá, Mondoñedo, Abadín, Vilalba, Guitiriz, Begonte, Friol, Sobrado,
Vilasantar, Boimorto, Arzúa, O Pino e Santiago de Compostela, onde entronca co
Camiño Francés á altura da cabeceira do aeroporto de Lavacolla.
Galicia incrementa así a súa nómina de
declaracións, que até o día de hoxe incluía xa á Cidade vella de Santiago de
Compostela, elixida en 1985; o Camiño de Santiago Francés, inscrito en 1993; a
Muralla romana de Lugo recoñecida no 2000; e a Torre de Hércules, que alcanzou
a súa inclusión en 2009.
O final
dun longo percorrido
O proceso perante a UNESCO comezou coa
inclusión dos Camiños do Norte na Lista indicativa nacional no ano 2007. A
partir de aquí as devanditas comunidades de Galicia, Asturias, Cantabria, País
Vasco e La Rioja, así como o Ministerio de Educación, Cultura y Deporte,
elaboraron conxuntamente a candidatura, que abrangue, entre outros aspectos, a
redacción dun expediente exhaustivo, os procesos de delimitación e protección e
o sometemento a diversos informes e supervisións tanto da propia UNESCO como do
ICOMOS como principal órgano asesor técnico nesta materia, algúns con visitas in situ.
Este expediente de declaración requiriu dunha
serie de traballos específicos, exhaustivos e completos baseados en
consideracións de carácter técnico e formal moi estritas. Entre eles, un dos de
maior relevancia é a súa propia documentación histórica e o da identificación de bens asociados
representativos do seu valor universal e que completan a singularidade do
expediente.
Pola súa banda, cada comunidade autónoma
desenvolveu os seus propios procesos de protección dos Camiños do Norte. En
Galicia, as diferentes rutas xacobeas teñen un réxime particular derivado da
Lei 3/1996, de Protección dos Camiños de Santiago, na que xa se recoñecían os
itinerarios do Norte; porén, o proceso non se completou até que se delimitaron
as súas trazas e a extensión do seu territorio histórico.
Delimitación
e avaliación
Neste sentido, o decreto 267/2012, polo que se
aproba a delimitación do Camiño de Santiago do Norte e o decreto 158/2014, polo
que se aproba a delimitación do Camiño de Santiago do Norte, Ruta da Costa,
identifican a aplicación de criterios homoxéneos e sistemáticos que pretenden
sintetizar tanto o coñecemento histórico, o valor inmaterial, a enquisa
etnográfica, a lectura especializada no territorio, as infraestruturas e o
réxime de propiedade da terra para o ben que agora se propón como Patrimonio da
Humanidade.
Finalmente, en setembro de 2014 tivo lugar a
misión de avaliación de dous técnicos do Consello
Internacional de Monumentos e Sitios Histórico-Artísticos (ICOMOS),
órgano asesor da UNESCO. Os avaliadores percorreron 1.500 km. de rutas e
coñeceron, un a un, os 16 lugares vencellados ao Camiño de Santiago do Norte
propostos para a súa inscrición na Lista do Patrimonio Mundial. En novembro e
decembro de 2014, o ICOMOS requiriu información complementaria e no mes de maio
achegouse a avaliación final, recomendándose a inclusión na Lista do Patrimonio
Mundial dos camiños do norte.
A declaración por parte do Comité do
Patrimonio Mundial en Bonn supón a derradeira etapa dun proceso que comezou hai
sete anos e co que a Xunta de Galicia estivo comprometido desde o primeiro
momento.
Afonso
II, o primeiro peregrino
As primeiras peregrinacións cara a Santiago de
Compostela están relacionadas co momento histórico do descubrimento da tumba de
Santiago o Maior, nos primeiros anos do século IX, e continúan ininterrompidamente durante os séculos
posteriores. Trátase de peregrinacións relacionadas ao culto do Salvador en
Oviedo e que contan con romeiros ilustres como Afonso II, ‘O Casto’, rei ao que
a lenda sitúa como primeiro peregrino no Camiño para visitar a recentemente
achada tumba apostólica e ao que se lle atribúe a construción dunha primeira
igrexa dedicada ao culto xacobeo.
Estas romarías contan cunha recoñecida
vitalidade ata o século XVIII. Os peregrinos chegaban desde Francia, ou a
través dos portos vascos e cántabros de países e rexións do Atlántico
(Inglaterra, Flandres, Alemaña ou Escandinavia), que seguían os trazados das
rutas do norte do Camiño de Santiago.