Na vendima de 2014 a denominación de orixe
vitivinícola Valdeorras, produciu máis de 3,3 millóns de litros de viño
cualificado, cun valor económico estimado de preto de 18 millóns de euros. Así
o destacou a conselleira do Medio Rural e do Mar, Rosa Quintana, durante a
inauguración da XVIII Feira do Viño de Valdeorras, no Barco de Valdeorras, onde
estivo acompañada polo delegado territorial da Xunta en Ourense, Rogelio
Martínez.
A conselleira sinalou que son cifras “das que
presumir”, pero incidiu en que “do que verdadeiramente debemos sentirnos
orgullosos é das persoas que seguen traballando nesta terra, nesta comarca
para, día a día, vixiar as viñas, evitar as súas enfermidades e coidalas”. A
Denominación de Orixe Valdeorras conta na actualidade cun total de 1470
viticultores e máis de 40 industrias traballando nos concellos do Barco, O
Bolo, Carballeda de Valdeorras, Larouco, Petín, A Rúa, Rubiá e Vilamartín de
Valdeorras. Durante os últimos anos, a exportación dos produtos desta D.O.
aumentaron máis dun 67%.
Rosa Quintana tamén destacou o apoio da Xunta
á promoción dos produtos galegos de calidade diferenciada no mercado europeo.
Así, dixo que as axudas aprobadas o pasado mes de maio con este fin terán un
importe de 2,2 millóns de euros. Do mesmo modo, lembrou que a cifra destinada á
promoción, funcionamento e control das denominacións de orixe ascende a 12
millóns na última década. En palabras da titular de Medio Rural e Mar, a
internacionalización “é un obxectivo que
compartimos os viticultores e a Xunta de Galicia”, e patentouse nunha inversión
de 5,5 millóns de euros durante este último exercicio.
Cara ao final do seu relatorio, a conselleira
felicitou á adega Quinta da Peza, galardoada recentemente na cata dos viños de
Galicia polo mellor tinto. Tamén tivo palabras de agradecemento para as adegas
Hacienda Ucediños, Godeval e A Coroa recibiron nese mesmo certame o Acio de
Ouro, Prata e Bronce, respectivamente.
A Feira
do Viño de Valdeorras
Na súa décimo oitava edición, este evento
organizado polo Consello Regulador da DO Valdeorras reúne na capital da zona, O
Barco de Valdeorras, a produtores de Godello e Mencía característicos do
nordeste ourensán. Ao longo da fin de semana organizaranse diferentes
actividades en torno aos produtos vinícolas, como o Festival Valdeorrock,
degustacións para os visitantes ou a entrega de premios da cata da Feira.