El Confidencial
radiolider Buscador de noticias buscar en google
José Manuel López García
Cartas al Director
Nacional

Feijóo e o alcalde de Ourense acordan axilizar o Plan de Transporte Metropolitano

13-07-2015 18:04:35

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, anunciou hoxe que axilizará os trámites para dotar a cidade de Ourense dun Plan de Transporte Metropolitano que poida supoñer “abaratamento do prezo do billete entre un 20 e un 50 por cento para os que utilizan con carácter ordinario o transporte metropolitano en Ourense. Esta iniciativa é, segundo subliñou Feijóo, “prioritaria” tanto para o Goberno autonómico como para o novo equipo municipal. Ademais, vaise crear unha comisión de traballo para impulsar, “de forma conxunta” co Concello, a estación intermodal, que o xefe do Executivo autonómico espera poder “licitar no ano 2016”.   

Durante a súa xuntanza co novo alcalde de Ourense, Jesús Vázquez, a terceira da súa rolda de encontros cos alcaldes das cidades galegas, Feijóo recalcou a vontade da Xunta de “rematar os proxectos que xa están en execución” na cidade das Burgas e tamén “asumir novos compromisos”, sempre desde o diálogo e a cooperación entre Administracións.   

O presidente fixo balance das actuacións que a Xunta levou a cabo nos últimos anos en Ourense, entre as que ten un lugar moi importante a construción do novo edificio xudicial, “a infraestrutura xudicial máis importante que se ten construído nos últimos sete anos” e no que se invertiron máis de 18 millóns de euros.   

Como no resto de Galicia, tamén se fixo en Ourense un esforzo importante en materia de benestar, pois aumentaron nun 145% o Servizo de Axuda no Fogar, creáronse 180 prazas públicas máis para maiores (150 nunha nova residencia e 30 no centro de día)  e se incrementou tamén nun 30% o número de prazas en garderías.   


Ampliación do Hospital e impulso a infraestruturas 

Feijóo e Vázquez trataron tamén a ampliación do Hospital Público de Ourense. Nela lévanse investidos 41 millóns de euros, “que converten Ourense —dixo o presidente— no eixo de dous proxectos europeos: o Hospital 2050 e Innova Saúde”. Dentro deste último presentouse o proxecto piloto das unidades móbiles cirúrxicas, que entrarán en funcionamento na provincia este mes de setembro. O xefe do Executivo autonómico sinalou que a primeira fase da ampliación do hospital, que “permitirá concentrar tódolos seus bloques nun único edificio”, estará rematada o próximo ano.   

Entre os temas que se abordaron na xuntanza estivo tamén a conservación da Ponte do Milenio, da que se encargará a Xunta de Galicia; a conexión entre a autovía e o polígono de San Cibrao das Viñas, á que se destinarán case 20 millóns de euros nos orzamentos de 2016; a reforma de dúas infraestruturas educativas como son o IES Universidade Laboral e o CIFP A Farixa; a ampliación da Escola de Idiomas; a rehabilitación dun edificio próximo ás Burgas para que funcione como albergue e a remodelación integral da praza de Abastos. Alén diso, o presidente comprometeuse a analizar as necesidades de renovación das instalacións deportivas da cidade.   



Promoción económica 

No eido da promoción económica de Ourense, Feijóo resaltou o compromiso da Xunta coa “capital termal de Galicia” e a súa colaboración para a construción das infraestruturas previstas no Plan Ourense Termal. Tamén informou ao alcalde de Ourense de que será o Parque Tecnolóxico de Galicia-Tecnópole a que acolla a aceleradora de innovación Agrobiotech, que permitirá “priorizar investimentos” de cara a sectores como o agroalimentario, o biotecnolóxico e o da biomasa.   

En definitiva, o presidente da Xunta congratulouse por ter “unha folla de ruta ben deseñada” para cumprir o compromiso coa cidade de Ourense, a terceira de Galicia, e impulsar a súa “modernización, actualización e preparación para recibir o tren de Alta Velocidade”.  





www.galiciadiario.com no se hará responsable de los comentarios de los lectores. Nuestro editor los revisará para evitar insultos u opiniones ofensivas. Gracias