A directora de Turismo de Galicia, Nava
Castro, participou hoxe na viaxe inaugural do Tren turístico da Ruta dos viños
de Monterrei e salientou o éxito deste programa posto en marcha en 2013 baixo a
denominación ‘Galicia a todo tren’, que o ano pasado logrou unha ocupación do
82% e en 2015 ampliou a súa capacidade ata chegar ás 2.524 prazas, 74 máis que
na edición anterior.
Nava Castro lembrou que este programa está
promovido por Turismo de Galicia en colaboración con Renfe e o Inorde, e inclúe
sete itinerarios relativos ás rutas dos faros, dos pazos e xardíns históricos,
dos viños de Monterrei, dos viños da Ribeira Sacra, dos viños das Rías Baixas,
dos viños do Ribeiro-Rías Baixas e dos viños de Valdeorras-Ribeira Sacra.
En 2015, manifestou Nava Castro, “melloramos
os itinerarios e desenvolvemos novos proxectos que amplían a oferta turística
de Galicia e fomentan o desenvolvemento sostible do sector turístico galego”.
Cada unha das rutas pódese realizar nun día e,
ademais da viaxe en tren, o programa ofrece servizo de guía especializado
durante todo o percorrido, traslados complementarios en autocar, entradas a
todos os puntos de interese e outras actividades.
Tren do
Viño de Monterrei
A directora de Turismo de Galicia fixo un
repaso polo percorrido do tren da Ruta do Viño de Monterrei, lembrando que
circula entre as estacións de Ourense e A Mezquita-Vilavella con traslados ao
Castelo de Monterrei e ao túnel dos viños da Denominación de Orixe Monterrei,
onde se celebra unha cata comentada.
Ademais, realízase unha visita a unha adega
desta denominación de orixe protexida e visítanse as vilas de Verín e Allariz.
O itinerario continúa con visitas a Xunqueira
de Ambía e a Baños de Molgas, onde antes de regresar a Ourense, os viaxeiros visitan
o museo Moncho Borrajo.
Programa
‘Vive o Castelo’
Como complemento á oferta turística da comarca
de Monterrei para este verán, Nava Castro tamén se referiu ao programa cultural
‘Vive o Castelo’, que se desenvolverá entre os días 23 de xullo e 20 de agosto.
Trátase dun conxunto de actividades que
“inciden no carácter público” deste monumento, engadiu Nava Castro, “dotando de
contido este enclave e promovendo e protexendo a diversidade cultural da nosa
comunidade”.
Este programa cultural inclúe a mesa redonda
‘Monterrei ao longo dos séculos’, nove visitas guiadas e teatralizadas, a
actuación do Trío Talabarte, a gala ‘Circo no Castelo’, o ciclo ‘Música no Castelo’,
con Emilio Rúa, Uxía e Narf, Guadi Galego e Guezos, e ‘Castelo de Contos’, unha
actividade de contacontos na que participarán ‘Os quisquilláns’, ‘Daboapipa’ e
Paco Nogueiras.
Datos
turísticos
Por último, a directora de Turismo de Galicia
fixo unha mención á demanda turística da Comunidade galega en xeral e da
provincia de Ourense en particular. Así, segundo Nava Castro, no que vai de ano
Galicia acadou máis de 1.250.000 viaxeiros, o que supón un incremento do 10.8%
en relación ao mesmo período do ano anterior. “Este –manifestou- é o volume de
turistas máis elevado dos últimos cinco anos”.
Polo que respecta á provincia de Ourense, a
directora de Turismo de Galicia revelou que nos cinco primeiros meses do ano
rexistráronse preto de 100.000 viaxeiros que realizaron 178.496 pernoitas, o
que supuxo un incremento do 8% no número de turistas e do 8,5% no de estancias.