Santiago de Compostela.- O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, puxo
hoxe Galicia como exemplo de convivencia fraternal entre idiomas porque sen
algunha das linguas oficiais “sentiríase orfa”. “Entre as dúas linguas que nos
enriquecen como pobo non existen barreiras nin conflitos. Sen algunha delas
Galicia sentiríase orfa. E coas dúas dámonos a man coa gran comunidade
hispanofalante e coa lusofonía”, dixo.
Durante a inauguración da reunión anual de
directores do Instituto Cervantes, presidida pola S.M. a Raíña Letizia, Feijóo
agradeceu o apoio que os Institutos Cervantes de todo o mundo “nos prestan
precisamente para fomentar o coñecemento da lingua e a cultura galegas” e
lembrou que, tras A Coruña en 2005, “esta é a segunda vez que Galicia é o lugar
elixido para este encontro”.
Durante a súa intervención, o titular do
Goberno galego afirmou que “non podemos falar no noso caso de dúas comunidades
lingüísticas, senón dunha soa que conta con dúas ferramentas idiomáticas”.
“Isto encontra reflexo nunha rica literatura na que abunda o creador bilingüe,
que habita o galego e o castelán como quen ten dúas casas para sentirse
confortable”, engadiu.
Feijóo lembrou que en torno á Ruta Xacobea
nace a idea de Europa, e xunto a ela outra de enorme transcendencia: “a
convivencia fraternal dos idiomas”. “Galicia converteuse en herdeira desa
tradición políglota que acampou na Praza do Obradoiro aos pés da Catedral. Aquí
o diferente non é estraño, o afastado non se considera hostil, o viaxeiro
sempre é benvido”, afirmou.
Nesta liña, o presidente da Xunta concluíu aseverando
que a lingua de Cervantes tamén é unha peregrina que foi recollendo
experiencias ao longo do seu camiño, para chegar pletórica ao século XXI como
lugar de encontro de pobos distintos.