Pasaron xa
trinta e catro anos desde que foi colocado no cemiterio de Mondoñedo ese
fermoso epitafio que acompaña para sempre Álvaro Cunqueiro. ‘Eiquí xaz alguén
que coa súa obra fixo que Galicia durase mil primaveras máis’. Ninguén dubida
de que o autor de Merlín e familia é
un dos artífices de que a nosa terra sexa perdurable. Da súa man, Galicia
prolongouse nas lendas, nos mitos, na fantasía, encarnándose en seres que
compoñen unha poboación que vive na imaxinación dos lectores. Son polo tanto
trinta e catro primaveras máis as que o noso país ten gozado, grazas ao legado
cunqueirán.
Entendo,
porén, que ese pensamento inscrito no mármore tamén sería axeitado para moitos
galegos anónimos que, sen ser escritores coma don Álvaro, contribuíron a que
Galicia seguira presente no tempo. Non importa a que se dedicaran nin cal fora
a súa maneira de entender o mundo. Sen falarse nunca, sen coñecerse, eses
galegos experimentaron o mesmo impulso e sentiron que, máis alá das súas
vivencias persoais, había outra colectiva na que debían colaborar.
Esa forza
común exprésaa moi ben outro creador, Salvador García Bodaño, cando define
Galicia como ‘isto que vai en nós e que nos leva’. Non se pode explicar a
constancia do feito galego a través da historia sen esa enerxía que fai de cada
habitante desta terra un corazón que nutre de esperanza todo o país. Abonda con
repasar esa historia para constatar que moitos pobos coma o noso esmoreceron
vítimas do seu esgotamento vital. O noso está en pé, disposto a afrontar os
retos que o mundo nos propón.
Diante desas
encrucilladas que constantemente se nos presentan, Galicia ten respondido
sempre coa fortaleza das árbores provistas de fondas raíces e coa flexibilidade
precisa para abanearse. O noso país adáptase aos novos tempos sen perder ese
contacto coa terra que lle proporciona identidade. Velaí a característica que
máis admiran os que nos visitan. Nin somos esa comunidade que quedou ancorada
na idea de que calquera tempo pasado foi mellor, nin tampouco aquela outra que
borra os vestixios do que foi antano.
Mais aló de
concretas xestións gobernamentais, é esa facultade para ser fieis á nosa terra
e ao noso tempo, a que fixo posible as primaveras anunciadas na tumba de
Cunqueiro. Primaveras que ás veces chegaron despois de outonos e invernos duros
nos que se puxo a proba a nosa capacidade de resistencia. Pero mesmo neses
momentos aciagos nunca se quebrou a unidade esencial do país. Unha inmensa
maioría de galegos comprendeu que seguía vixente a advertencia de Curros
Enríquez: ‘quen á discordia se entrega, vai direito cara á morte’.
Álvaro
Cunqueiro falecía en 1981, no mesmo ano en que se celebraron as primeiras
eleccións autonómicas. A Galicia que sobrevivira na imaxinación de tantos
creadores tomaba corpo en institucións que a equiparaban ás democracias do
mundo. Eses galegos que, sen coñecerse, traballaran moitas veces en silencio a
prol das mil primaveras atopáronse no Parlamento, compartiron problemas e
debateron xuntos as solucións. O autogoberno será desde entón un factor
engadido para lograr que Galicia perdure.
O 25 de xullo
é un alto no camiño para reflexionar sobre o que somos. Todos os galegos
gardamos entre as mellores lembranzas aquelas festas do patrón nas que a xente
se reunía, volvían os de fóra, disipábanse inimizades, contábanse historias do
pasado e facíanse proxectos de futuro. Ese día facíase máis visible a
comunidade. O Día de Galicia representa o mesmo espírito. Galicia faise máis
visible a si mesma e ao mundo enteiro.
Aínda que
quedan moitas primaveras por esgotar, queremos outras mil máis e desexamos que
os galegos que celebren a nosa festa grande no día de mañá digan que os seus
devanceiros do 2015 cumpriron co seu deber. Que así sexa.