A Coruña - O alcalde da Coruña, Xulio Ferreiro, manifestou este xoves que para acadar o financiamento necesario para o Porto Exterior é necesaria a “colaboración leal” porparte de todos os organismos implicados. Así, o rexedor manifestou que “para resolver esta situación, non caben operacións de especulación, nin atallos, nin portas de atrás".
Así, e preguntado acerca das últimas manifestacións emitidas dende a Autoridade Portuaria, Ferreiro manifestou: “Entendo que as condicións nas que está fan que amose certo nerviosismo, pero o que non podemos consentir é que nos traslade a nós ese nerviosismo porque a obra do Porto Exterior se intenta financiar cunhas condicións que non se axustan á realidade”. O alcalde insistiu en que a cooperación é a única vía para tratar de desbloquear a situación. “Intentar responsabilizar ao concello de cousas que non son da súa responsabilidade non é o camiño”, engadiu.
“O Concello da Coruña xa cumpriu coas obrigas que tiña no convenio, que pasaban por modificar o PXOM, e a Autoridade Portuaria é a que non desafectou os terreos e non promoveu a modificación do plan especial. Seguimos agardando a que se nos presente o plan de seguimento de financiamento do Porto Exterior”, indicou o alcalde, quen insistiu: “Isto serviríanos para cooperar, que é o que buscamos”.
O Goberno local entende que a venda de terreos desafectados do peirao interior non garante a consecución do financiamento para a obra de Punta Langosteira. “Que pasa se eses terreos se venden, se hipoteca a fachada marítima da cidade, non para poñela ao servizo do ben común, e aínda así só se consegue un terzo do que estaba previsto…de onde sairá o resto?”, reflexionou o alcalde.
Ferreiro insistiu, igualmente, en que o Concello cumpriu coas obrigas impostas no convenio. “O que non pode ser, e non está no convenio, e que se non se alcanzan as cantidades previstas teña que responder o concello. Iso non é obriga do Goberno local e creo que é un plantexamento fóra de lugar. As obrigas polas que podiamos ter responsabilidades están cumpridas”, recordou.