O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez
Feijóo, destacou hoxe a aprobación do teito de gasto para 2016, fixado en 8.873
millóns de euros –un incremento do 5,2% respecto ao pasado ano, é dicir, de 438
millóns máis-, permitirá volver baixar os impostos, seguir devolvendo aos
empregados públicos o esforzo feito e mellorando os servizos públicos, e
impulsar a actividade económica.
Durante a rolda de prensa do Consello, Feijóo
subliñou a importancia de elaborar un teito de gasto “que permite evitar que
volvamos caer en eivas do pasado, e garantir que as contas públicas galegas se
fagan con realismo, responsabilidade e, sobre todo, con transparencia”.
Nesta liña, o titular da Xunta afirmou que
“desde que chegamos ao Goberno en 2009, actuamos con responsabilidade e con
realismo: fomos responsables e realistas cando reducimos os presupostos
públicos; fomos responsables e realistas despois, cando conseguimos estabilizar
as contas públicas; e, agora, imos seguir sendo responsables e realistas,
porque ser responsables e realistas significa tamén ser conscientes de que
agora temos unha mellor situación económica, de que os ingresos da Administración
pública van subir e de que temos que aproveitalo para facer cousas”.
“Ser responsable e realista suporá en 2016
contar cun teito de gasto público que sinala sen dúbida, desde o punto de vista
de presupostos da Xunta, a recuperación económica e social da Comunidade”,
engadiu. E, logo de precisar que se trata do teito de gasto maior de todos os
aprobados e que sobe por primeira vez, expresou a vontade de aproveitar a maior
capacidade de gasto para reforzar o compromiso cos galegos de hoxe pero tamén
cos galegos do mañá; “e, polo tanto –aseverou-, sen renunciar ao cumprimento do
déficit e a seguir reducindo a dependencia da débeda pública, dunha forma clara
e contundente”.
Neste contexto, o responsable autonómico
aseverou que Galicia vai seguir blindando a solvencia e cumprindo o déficit
fixado para o próximo ano, “que é o máis baixo de toda a serie, un 0,3%”. E seguirase
afondando no compromiso de desprenderse progresivamente da dependencia do
endebedamento.
Sobre este segundo aspecto, Feijóo precisou
que o teito de gasto inclúe a previsión de reducir o recurso de débeda pública
a máis da metade respecto a este ano 2015. “Isto supón que somos a comunidade
onde menos se incrementou a débeda pública desde 2008”, matizou.
Recuperación e emprego
Ao longo da súa intervención, o presidente da
Xunta incidiu tamén na importancia de ter aprobado un teito que non só
consolida a estabilización das contas que se logrou nos últimos anos, “freando
definitivamente a caída abrupta que acumulamos durante os anos 2009, 2010,
2011, 2012 e 2013”; senón que por primeira vez “incrementa de forma substancial
a capacidade de gasto”.
“Teremos
unha maior capacidade de gasto non porque se incremente a débeda pública, senón
porque se incrementarán os ingresos”, afirmou, ao que engadiu que esta maior
capacidade de gasto permitirá volver a baixar impostos e con moita máis
intensidade; non ter que pedir novos esforzos aos empregados públicos, senón
devolverlles os que fixeron; seguir mellorando os servizos públicos, “e daremos
axudas directas para as familias que teñan os seus fillos nunha gardería ou cun
coidador”; e impulsar a actividade económica.
No tocante a
este último punto, Feijóo aseverou que o obxectivo é ser capaces de dar
continuidade á tendencia de recuperación. “O teito de gasto que aprobamos é
unha aposta por afianzar a recuperación”, dixo, salientando que en 2016 a
previsión de crecemento do PIB se valora
nun incremento do 2,4%.
Así mesmo, e
en relación ao desemprego, asegurou que o obxectivo de paro é do 18,3% para o
vindeiro ano, “case dous puntos por debaixo do obxectivo de paro do Goberno
español”.
Con estas
bases, o Goberno galego remitirá con carácter inmediato este teito de gasto ao
Parlamento de Galicia, sendo unha das poucas comunidades que o somete ao
criterio da Cámara e, sendo a Autonomía que antes presenta o seu marco orzamentario
para 2016.
Pola súa
banda, o conselleiro de Facenda, Valeriano Martínez, fixo fincapé en que este
incremento do teito de gasto permitirá poñer en marcha “políticas
para intensificar a creación de emprego en Galicia”, co obxectivo de trasladar a
recuperación económica aos cidadáns, para que se beneficien desta mellor
situación. “E propoñemos acadar estas metas coa maior capacidade de gasto desde
que a Xunta aproba este límite”, sinalou.