O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, marcou
hoxe como obxectivo que Xunta, concellos e deputacións poidan concretar o
vindeiro mes de setembro a participación das distintas administracións no Plan
de Loita contra a Desigualdade económica para poder desenvolver este proxecto
coa máxima axilidade e coordinación.
Este foi un dos principais asuntos que abordou coa alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, coa que se reuniu hoxe,
e á que trasladou toda a información deste proxecto, igual que fixo co resto de
rexedores cos que se reuniu ata o de agora, co obxectivo de que as
administracións locais tamén participen no seu desenvolvemento. A este
respecto, Feijóo insistiu en que a coordinación é a mellor forma para facilitar
os trámites, as axudas e o apoio que precisan as persoas con menos recursos.
Ademais deste
proxecto da Xunta para as persoas que menos teñen, o presidente tamén fixo
fincapé no importante esforzo feito en materia de servizos públicos para a
cidade de Lugo en concreto. Así, referiuse ás melloras logradas para a Sanidade
Pública, especialmente grazas á posta en marcha do novo Hospital Público nesta
área. De maneira específica, detallou a rebaixa dos tempos de espera en case 30
días desde 2009 ou o incremento do rendemento cirúrxico nun 52% e engadiu que,
ademais de mellorar os servizos que xa existían, se impulsaron outros novos.
Deste xeito,
trasladoulle á alcaldesa a importancia de que Lugo conte hoxe cunha Sala de
Hemodinámica que en 2009 non existía, nas mesmas condicións que nas áreas de
Ourense e Pontevedra e de acordo co criterio maioritario dos profesionais de
Cardioloxía de Galicia. A este respecto, remitiu aos primeiros resultados do
Rexistro Galego de Infarto Agudo de Miocardio -creado a instancias do
Parlamento de Galicia e co acordo dos cardiólogos galegos- para valorar o redimensionamento
dos distintos servizos de Hemodinámica nos hospitais galegos e estimou que
estes se poderían coñecer a finais de ano.
Igualmente,
recordoulle o compromiso de que antes de que remate o ano comece a funcionar o
Servizo de Radioterapia no hospital lucense, xa que as instalacións están preparadas
e unicamente á espera de que cheguen os equipos necesarios para poñer en marcha
esta especializada.
Educación Pública
No terreo educativo,
o mandatario galego recordou a intención de construír un novo centro para o
CEIP Sagrado Corazón, que conta con case 300 alumnos e, para que isto sexa
posible, solicitou ao Concello que axilice na medida do posible a cesión dos
terreos precisos. Feijóo enmarcou este proxecto na aposta xeral que a Xunta ten
no eido da Educación Pública, e que en Lugo se concreta nos máis de 6,4 millóns
de euros investidos para melloras de distintos colexios e institutos públicos.
Así mesmo,
repasou tamén a situación relativa ás escolas infantís e, tras recordar que
proximamente se abrirá unha nova gardería en colaboración coa Fundación Amancio
Ortega, concluíu que con esta o incremento das prazas públicas para nenos de 0
a 3 anos en Lugo será de case o 40 por cento desde 2009. Igualmente, avanzou
que esta cidade tamén se beneficiará do concerto que a Xunta aprobará de cara
ao próximo curso para as grandes urbes e que suporá 500 novas prazas para toda
Galicia.
Lácteo, innovación e turismo
O
responsable do Executivo galego incidiu tamén nalgúns asuntos de carácter
económico, como a situación do sector lácteo. Feijóo reiterou a súa
preocupación pola volatilidade dos prezos e renovou a dispoñibilidade da Xunta
para seguir contribuíndo dentro das súas posibilidades a mellorar as condicións
das explotacións.
Por outra
banda, Feijóo tamén lle trasladou á alcaldesa algúns dos proxectos da Xunta en
materia de innovación para a cidade. Neste campo, resaltou a importancia da recente
posta en marcha dunha aceleradora de pemes, Agrobiotech, xa que favorecerá o
desenvolvemento de proxectos innovadores en ámbitos prioritarios para a
provincia, como o agroalimentario, o biotecnolóxico e o da biomasa.
Igualmente,
tamén reiterou que a aposta pola innovación non se reduce aos sectores
tradicionais, senón que tamén se estende a ámbitos punteiros. Con carácter
concreto, referiuse ao Centro de Investigación Aerotransportada de Rozas co que
a Xunta, cun investimento de 10 millóns de euros, aspira a que Galicia se
converta nun polo tecnolóxico de avións non tripulados.
En materia
de turismo, Feijóo propuxo a Méndez traballar conxuntamente e de forma máis
intensa, especialmente para sacar o máximo rendemento posible a recente
declaración do Camiño do Norte e do Camiño Primitivo como Patrimonio Mundial.
Neste senso, informoulle do Plan de medidas aprobado desde a Xunta para adecuar
as rutas e mellorar os servizos aos peregrinos.
Auditorio e rehabilitación da Tinería
No tocante ás
infraestruturas o responsable autonómico referiuse á situación actual do futuro
Auditorio, que actualmente está en obras, e reiterou o compromiso de que estas
se finalicen antes de que remate o ano. Deste xeito, darase por cumprida unha
demanda de Lugo desde hai décadas, xa que era a única das
grandes cidades galegas que carecía dun auditorio axeitado para poder
desenvolver unha completa programación cultural.
No que respecta á rehabilitación do barrio da Tinería, Feijóo recordou
que a Xunta leva investidos máis de 25 millóns de euros neste proxecto e
apuntou o compromiso de seguir avanzando no próximo ano 2016 con novas
actuacións. No que
atinxe ao Cuartel de San Fernando Feijóo lembrou a “actuación conxunta para
acometer obras mínimas” e solicitoulle á alcaldesa que “tramite a parte que
depende do Concello”.
Ademais de
agradecer a cordialidade que presidiu o encontro coa alcaldesa de Lugo, Feijóo
recordou que é o penúltimo dentro da rolda de contactos que está mantendo cos
rexedores das grandes cidades tras as pasadas eleccións autonómicas do pasado
24 de maio. Neste senso, nesta semana tamén ten previsto unha reunión co
alcalde de Ferrol, Jorge Suárez.