El Confidencial
radiolider Buscador de noticias buscar en google
José Manuel López García
Nacional

Besteiro: "Os orzamentos xerais son un fraude electoralista"

05-08-2015 17:56:27

O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, asegurou hoxe en Santiago que “os orzamentos xerais presentados polo Goberno de Rajoy son un fraude electoralista sen precedentes e Feijóo ten un papelón para explicar o trato que recibe Galicia, cun descenso no investimento”.   

“Esta lexislatura comezou cun retraso na presentación dos orzamentos de 2012, para non coincidir coas eleccións en Andalucía e o rescate financeiro, e remata con outro fraude cuns orzamentos de 2016 adelantados ao mes de agosto por motivos electoralistas”, dixo o líder dos socialistas galegos, que ofreceu unha rolda de prensa xunto ao coordinador dos deputados e senadores do PSdeG en Madrid, Guillermo Meijón.   

“Os chamados orzamentos da recuperación traen unha baixada do investimento en Galicia, un regalo envelenado de Mariano Rajoy a Alberto Núñez Feijóo, o alumno aventaxado nos últimos sete anos da austeridade da dereita”, afirmou Gómez Besteiro.   

O secretario xeral do PSdeG mostrou dous gráficos aos xornalistas nos que se reflicte que o investimento medio anual do PSOE en Galicia entre os anos 2008 e 2011 foi de case 2.000 millóns, mentres que desde entón só supera lixeiramente os 1.400 millóns de euros.   


O engano do AVE 

Dos 1.363 millóns de investimento real en Galicia no 2016, 732 millóns son para o AVE, o 53%. “Isto tranquilízanos? Non, as cifras do AVE son un engano, xa que segundo datos do propio Goberno, dos 578 millóns de euros orzamentados para o AVE en 2015 non se executarán 200 millóns; queda roto polo tanto o Pacto do Obradoiro”, aseverou.   

“Os orzamentos do próximo ano non recollen ningún proxecto novo en Galicia, todas as partidas dos ministerios para Galicia caen e é moi significativa a baixada do Ministerio de Agricultura, 20 millóns menos en plena crise do sector lácteo”, engadiu o líder dos socialistas galegos.   

Por último, Besteiro fixo unha referencia ao emprego, “a gran preocupación dos socialistas”. “Temos en Galicia máis traballos precarios a tempo parcial, menos horas de traballo; no 2011, segundo os datos oficiais, rexistráronse en Galicia 41.327.221 horas de traballo semanais, mentres que no 2015 son 35.793.928 horas, traballamos 5,5 millóns de horas semanais menos en Galicia que cando chegou Rajoy e iso supón que se perdeu o traballo de 147.554 persoas”, dixo.   


Desigualdade social 

Pola súa parte, Guillermo Meijón indicou con relación ás cifras de Fomento que “nos anuarios estatísticos non aparece o grado de inexecución do investimento previsto para o AVE nos anos 2012 e 2013, que ronda o 40%”, e cualificou de “virtuais os orzamentos xerais para 2016”.   

“Son uns orzamentos inxustos, que incrementarán a desigualdade social e benefician aos cidadáns que máis gañan, as políticas de Rajoy están provocando un país no que as clases máis desfavorecidas o teñen moi complicado, por este camiño non sairemos da crise con igualdade”, rematou.       





www.galiciadiario.com no se hará responsable de los comentarios de los lectores. Nuestro editor los revisará para evitar insultos u opiniones ofensivas. Gracias