O presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez
Feijóo, transmitiulle hoxe aos gandeiros lácteos o apoio do Goberno galego para
que se adopten todas as medidas que permita a lexislación e que poidan servir
para mellorar a difícil situación que atravesa actualmente o sector.
Tras reunirse en Santiago con representantes dos
produtores lácteos, o presidente galego reiterou que a Xunta coincide tanto co
diagnóstico que fai o sector dos problemas que está a sufrir como na necesidade
de chegar a un acordo para poder afrontalos na reunión que mañá terá lugar no
Ministerio de Agricultura, e á que asistirán tanto representantes dos
produtores lácteos como da industria e da distribución.
Nesta liña, recordou que o Goberno galego coincide
cos gandeiros en que moitas explotacións están a sufrir importantes
dificultades para poder producir no contexto actual, así como en que os
gandeiros non poden soportar de xeito exclusivo a baixada de prezos que se
rexistra a nivel internacional.
Por iso, asegurou que o encontro, que cualificou de
“cordial”, serviu tamén para constatar a coincidencia de que a reunión prevista
mañá en Madrid debería servir para concretar un acordo que inclúa “todas as
medidas que se poidan legalmente” para afrontar a situación.
En todo caso, e tras revelar que nos últimos días
ten mantido distintas conversas coa ministra de Agricultura a este respecto,
amosouse convencido de que a postura do Goberno central de cara ao encontro de
mañá é a de facilitar que se adopten todas as decisións que sexan posibles
dentro do marco legal vixente na Unión Europea.
Vinculado a isto, recordou que o Executivo estatal traballou nas últimas
semanas cos gobernos de Francia, Italia e Portugal para promover unha postura
conxunta na Unión Europea, como se viu no Consello de Ministros de Agricultura
da UE esta semana.
A
disposición permanente do sector
Finalmente, trasladou a dispoñibilidade permanente
da Xunta para volver reunirse cos produtores no caso de que mañá se produza un
acordo, de cara a facer unha valoración conxunta do contido e alcance do mesmo.
Neste sentido, recordou que a postura do Goberno
galego sempre foi a de estar a carón do sector lácteo, con cuxos representantes
tanto a conselleira de Medio Rural como o presidente se reuniron en múltiples
ocasións, a última o pasado 5 de agosto.