O presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez
Feijóo, valorou o principio de acordo alcanzado onte no Ministerio de Agricultura,
Alimentación e Medio Ambiente entre representantes da produción, da industria e
da distribución do sector lácteo, e animou a que se concrete nos próximos días
para que os gandeiros galegos “non desaproveiten esta oportunidade”.
Tras reunirse en Santiago con representantes dos
produtores lácteos por segunda vez nesta semana, o presidente galego recoñeceu a
importancia de que esta sexa a primeira vez que distribuidores e industria
estean dispostos a asinar un documento cos produtores, e que ademais esa
sinatura se plantexe de xeito individual, é dicir, industria por industria e distribuidor
por distribuidor. “Que non sexa só un documento de asociacións, senón que sexa
un documento de personalidade xurídica concreta”, especificou.
Despois do estudo pormenorizado de cada unha
das cláusulas contempladas no preacordo e despois de escoitar ás organizacións
agrarias galegas e ás cooperativas, Feijóo considerou que “todo aquilo que
legalmente se pode poñer nun documento está posto” e defendeu que nos próximos
días se avance en calquera concreción na redacción que fose necesaria.
Contribucións
ao documento
Nas súas declaracións, e despois de reiterar
que a Xunta está e seguirá estando a carón dos produtores lácteos, Feijóo tamén
recordou que o preacordo fixado onte contempla as demandas pedidas expresamente
pola Xunta. En primeira instancia, apuntou cara a importancia de non utilizar o
leite como produto reclamo, unha cuestión que vén recollida no primeiro
parágrafo do documento.
“Conseguimos trasladar que a distribución se
comprometa explicitamente e por escrito que non pode utilizar o leite como
produto reclamo”, abondou.
Tamén sinalou
a relevancia de que o documento contemple a obriga de concretar a orixe do
leite.
Por iso, para Feijóo isto supón “unha
oportunidade que non podemos perder dado que os gandeiros galegos, que producen
o 40% do leite en España, teñen o mellor documento de toda a serie histórica de
documentos negociados entre a distribución, a industria e a produción”.
Compromiso
do Goberno central
O titular do Executivo galego apuntou que
durante a reunión puido falar coa ministra de Agricultura, Alimentación e Medio
Ambiente, Isabel García Tejerina quen lle comunicou dous compromisos do Estado. En primeiro lugar, dixo Feijóo, o Goberno
central é consciente da situación que se viviu en Galicia nos últimos meses e
“está comprometido a inxectar liquidez nas explotacións que peores
circunstancias viviron nesta crise da baixada de prezos do leite en Europa”. En
segundo lugar, o mandatario galego transmitiu a convicción do Goberno de España
de que “con este documente poderemos recuperar o prezo do leite de forma
rápida”.